Patrizia Violi: "O modo no que se conserva un pasado traumático ten que ver coa identidade futura que se quere construír"

A profesora da Universidade de Boloña falou no CCG sobre os lugares de memoria

Patrizia Violi, profesora de Semiótica da Universidade de Bologna (Italia), falou hoxe no seminario “Os sentidos das culturas” do Consello da Cultura Galega sobre o tema “Recordar o futuro. Os museos da memoria e o seu rol na construcción das identidades culturais”. Centrouse na memoria colectiva de eventos tráxicos e conflictivos e aludiu a tres lugares significativos polas relacións diversas que establecen entre memoria e identidade: o Museo Tuol Sleng dos Crimes do Xenocidio de Phnom Penh,en Camboya (1975-1979); o Parque para a Paz de Villa Grimaldi, en Santiago de Chile (1973-1990), e o Memorial Hall das Víctimas da Masacre de Nanjing polos Invasores Xaponeses, en Nanjing (China) en 1937. En todos eles, ao conservar o existente ou construir ex novo “estanse definindo as formas da propia identidade colectiva pasada, presente e tamén futura”.

Sostivo a investigadora italiana que as identidades, individuais e colectivas, están profundamente determinadas pola memoria do propio pasado e pola complexa dinámica que nelas xoga a dialéctica do recordo e do esquecemento. Nesa perspectiva un rol importante está representado polos chamados ‘lugares da memoria’ -mausoleos, monumentos, memoriais, museos- dedicados ao recordo do pasado. Eses lugares, afirma Patrizia Violi, “que exteriorizan no espazo a temporalidade da historia pasada, son lugares-tópicos cruciais na constitución das identidades colectivas e das súas proxeccións no futuro, e a súa análise é un compoñente esencial para unha semiótica das identidades culturais. “O modo en que a memoria do pasado traumático é conservada e novamente proposta está directamente en función dunha idea da identidade futura que se quere construir”. Ou sexa, engadiu Patrizia Violi, que é o futuro o que guía a memoria do pasado, o recordo do trauma, a súa elaboración ou a súa remoción e cancelación”.