Atlántica é un dos piares claves do movemento artístico contemporáneo e que revive estes días na exposición que se realiza no Marco

Arte en marexada

A arte dos oitenta en Galicia levaron o selo do grupo Atlántica. Naceron no momento no que diferentes cidades do mundo servían de escenario de manifestacións contraculturais denunciando o capitalismo salvaxe, o neoliberalismo e as penurias do Terceiro Mundo. E aquí Atlántica canalizou ese descontento, chantando as súas bases nos mitos do atlantismo e rompendo unha barreira nunca superada na arte ata entón.

Foron o baluarte da arte contemporánea en Galicia. Sen Atlántica a arte contemporánea galega non sería nada, ou polo menos o que é agora. Foron moito máis que tres exposicións en contextos diferentes, xa que mantiveron unhas propostas innovadoras a nivel estético e conceptual. Foron un revulsivo, unha chamada de atención ó mundo para demostrar que Galicia tamén tiña algo que dicir e que aportar. Pero cómpre non esquecer que os autores que revolucionaron o panorama desde Atlántica non foron os únicos. Ó abeiro deles estaban outros artistas (Jorge Barbi, Toubes, Fernando Casás e Manuel Vilariño, sobre todo) tamén estaban facendo arte innovadora, aínda que de xeito individual e non dentro dun colectivo.



Atlántica no contexto

E Atlántica xurdiu nos oitenta como non se podería desenvolver noutro momento. Sumouse á vaga de manifestacións de diferente índole (artística, antropolóxica, política, cultural...) que se desenvolvían en todo o mundo froito dun descontento xeneralizado. Pero o verdadeiramente curioso do movemento é que revisaron as teorías de Risco, da Xeración Nós, de Luís Seoane... chantaron as súas ideas na terra e crearon unha forma de expresión que recollía unha serie de paradigmas: “é a fusión entre tradición e modernidade adaptouse na linguaxe de Atlántica” incide Antón Castro, profesor da facultade de Belas Artes de Pontevedra e un dos piares teóricos do movemento. “Atlántica - engade- supuxo un revulsivo e a presencia de Galicia, por primeira vez, no mundo”.



Atlántica como colectivo

“No primeiro lustro dos anos 80 eran previsibles os colectivos, porque era un momento histórico desideoloxizado e os grupos eran unha forma para canalizar o descontento”, argumenta Antón Castro sobre a idea de colectivo que encerra Atlántica. Foi nos 80 cando Antón Patiño, Menchu Lamas, Guillermo Monroy e Anxel Huete realizaron unha viaxe ós Estados Unidos onde viron de primeira man as obras dos abstractos americanos Pollock, Rothko, Motherwell ou De Kooning. Con esa viaxe comezaron a ver o mundo nun grande angular a través do que irían fraguando un movemento que se materializou en Baiona. Foi nesta localidade pontevedresa onde Atlántica apareceu por primeira vez unha exposición asinada por un colectivo que sentou un precedente na arte galega e española. Nacía Atlántica.



Naquel momento apareceu un documento, a modo de manifesto programático, que definía Atlántica como colectivo. Publicado por Xavier Seoane no seu libro “Reto ou rendición” o manifesto dicía “Atlántica é unha sociedade formada por intelectuais e artistas e o seu obxectivo básico é a promoción e divulgación das últimas tendencias das Artes Plásticas en Galicia. Está aberta a todos aqueles que non difiran basicamente dos seus criterios estéticos (apertura e dinamismo estético)”. É por iso que Atlántica non ten unha lista de nomes definidos. O que si queda suficientemente probado é que Atlántica como colectivo deu lugar a varias exposicións: a de Baiona en 1980, “O feito Plástico. Atlántica” (1981), “Atlántica 1981” en Madrid, no Centro Cultural de la Villa, “Atlántica no Condado” en 1982 en Salvaterra do Miño e “Atlántica 1983” en Santiago de Compostela. Foi neste ano cando o colectivo como colectividade perdeu forza, dando paso a que cada artista, individualmente seguise o seu camiño.




Atlántica: A polémica

“O conflicto forma parte da Xénese de Atlántica, que existiu sempre e que eu creo que é positivo”, define Antón Castro. Queda claro que Atlántica non era un movemento adscrito a unha serie de nomes fixos, tal e como se pode deducir no manifesto fundacional. Vinte anos despois de que se dese por finalizado formalmente o movemento, o MARCO, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo inaugurouse cunha exposición que reabriu vellas feridas. Desde a directiva do Marco encargóuselle a Antón Patiño, un dos membros da matriz deste movemento, o catálogo da exposición que fixo unha revisión do movemento entre 180-1986. E aquí chega a polémica. Autores como Ignacio Basallo, Alberto Datas, Ánxel Huete, Antón Lamazares, Quintana Marcelo, Silverio Rivas y Armando Guerra entre outros afirman que a ampliación de 1983 a 1986 fíxose porque é cando Patiño adquire maior protagonismo, co que se ofrece unha mostra ó público nesgada. Na súa denuncia piden unha nova publicación na que participen todos os protagonistas, o que supoñería unha revisión da arte contemporánea dos últimos trinta anos.