A presencia de Valle-Inclán en Pontevedra e a súa importancia como icona na plástica galega motiva unha mostra

Valle, unha icona en Pontevedra

28/1/2003 | Santiago.Redacción | Seccións: Arte
20 lecturas | Compartido 0 veces
Independentemente do debate eterno entre a Pobra do Caramiñal e Vilanova de Arousa sobre cal é o lugar de nacemento de Valle-Inclán, existe un lugar en Galicia onde a pegada do inventor do esperpento é especialmente forte. A cidade de Pontevedra viu a adolescencia e as primeiras tentativas literarias do escritor, e agora lémbrao cunha mostra que recolle tamén un resumo da iconografía que existe arredor do arousán.
A finais dos anos 80 do século XIX a familia de Valle-Inclán trasladouse ata Pontevedra, cidade na que os pequenos da familia estudiarían o bacharelato. Logo duns anos de estancia na cidade, Ramón María marcha a Compostela en 1890 para estudiar Dereito. Esta aventura non duraría máis de dous anos, xa que, á morte do seu pai, o mozo Valle-Inclán, con 26 anos, marcha a México, onde comeza a colaborar con algúns xornais e a lenda di que se alista no exercito. Logo duns meses no país, volta a Galicia, sen un can, gracias á colaboración do cónsul español. No seu retorno instálase en Pontevedra, onde fixera grandes e ricos amigos durante a súa anterior estancia. Son outros tres anos durante os cales Valle-Inclán, dedicado non se sabe moi ben a qué, participa en todo tipo de tertulias, culturízase en bibliotecas alleas e publica abondosos artigos e relatos en xornais, especialmente no Diario de Pontevedra.



O primeiro libro

A segunda estancia de Valle-Inclán en Pontevedra revelouse como especialmente importante para a súa formación, xa que o daquela escritor novato cultivou relacións sociais con algúns dos intelectuais máis destacados que había en Galicia por aquela época. Deste xeito, Valle era habitual na dotadísima biblioteca dos irmáns Muruais (que tiña máis de cinco mil volumes) e traba amizade con persoeiros coma Víctor Said Armesto, Torcuato Ulloa ou Enrique Labarta entre outros, Ademais, Valle participa nas acendidas tertulias do Café Moderno e comeza a publicar artigos e colaboracións nos diferentes xornais e revistas que existían na cidade daquela, acadando unha sona no mundo cultural de entón que culmina cando, en 1895, ve a luz na Cidade do Lérez a primeira obra extensa do autor, “Femeninas”. A novela foi impresa no obradoiro de Andrés Landín, onde tamén se facía o “Diario de Pontevedra” e sería o comezo da exitosa carreira literaria xa por todos coñecida. Non tardaría doce meses en deixar Valle a vila con rumbo a Madrid, sen que por iso deixasen de ser frecuentes as visitas nin desaparecese o seu vencello coa cidade.




Lembrando


Co comezo do 2003 o Concello de Pontevedra quixo lembrar o tempo que o ilustre escritor pasou na zona e abriu ó público no Pazo de Mugartegui a exposición “Valle-Inclán e Pontevedra”. Na mostra pode verse un resumo biográfico do autor que inclúe con especial atención á presencia do autor na cidade. Deste xeito poden verse libros dedicados por el, pranchas de impresión de “Femeninas”, revistas e xornais con artigos asinados polo mozo escritor… Ademais hai unha sección na mostra que pretende amosar a Pontevedra daqueles anos, unha cidade cunha asombrosa actividade cultural, mediante fotografías e textos da época. Na organización da mostra colaborou o Museo de Pontevedra e a Universidade de Santiago.




A imaxe

Sen embargo, o apartado máis orixinal da mostra é o dedicado á iconografía galega de Valle-Inclán. Esta sección pretende amosar como o retrato de Valle-Inclán é un dos temas recorrentes da plástica do noso país durante o último século. Desde as fotografías tomadas por contemporáneos, ata reinterpretacións modernas da súa imaxe, pasando por retratos, caricaturas ou esculturas. O Pazo de Mugartegui amosa unha grande variedade de obras dos máis diversos estilos que teñen o común denominador de representar ó home de longa barba branca e de lentes que todos asociamos con Valle-Inclán.



Tres dimensións

A representación de Valle-Inclán a través da escultura está presente na mostra a través de obras coma a realizada por Sánchez Mendizábal aínda no 2002 para o Concello da Pobra. Tamén se pode ver unha réplica do Valle que está sentado na Alameda Compostelá, obra de César Lombera, ou as fotografías do monolito situado no obradoiro da Curota. Ademais das esculturas, figuras de cerámica, porcelana e bronce realizadas sobre un orixinal de Bonome completan este percorrido polos retratos tridimensionais do escritor.



Dúas dimensións

A nómina de pintores que representaron a Valle-Inclán ó longo do tempo é inmensa. Obras de Maside, Granell, Conde Corbal, Castro Gil, Torres, Nacho Costa, Felipe Criado ou López Garabal son algúns dos que se poden ver na mostra de Pontevedra, un percorrido por grande parte das tendencias artísticas galegas dos últimos cen anos, tanto en pintura coma en gravado.
Non podía faltar nunha mostra sobre o inventor do esperpento un apartado que recollese as abondosísimas caricaturas que se lle dedican. O peculiar aspecto de don Ramón, cano, de longa barba, manco e a miúdo ataviado con poncho e estoque, non deixou de chamar a atención ós seus contemporáneos dedicados ó humor gráfico. Clásicos coma Álvaro Cebreiro, Cao Luaces ou o propio Castelao retrataron a súa singular figura. Xa sen pretensións artísticas poden verse os debuxos realizados desde a amizade de Bouza Brey ou Victoriano García Martí, que non puideron subtraerse á tentación de bosquexar un rostro que xa quedou definitivamente unido ó imaxinario galego.


Universo culturagalega.gal

28/10/2009

A icona Valle-Inclán

O Museo de Pontevedra analiza a evolución do arousán a través das súas caricaturas