Barriografía#1 Liña 7 do Bus. Fonte: Música en branco.
Recoller memoria dun barrio a partir da música e do son. Esta é a proposta que se está a desenvolver na coruñesa Agra do Orzán co título Música en branco. Roteiros, programas de radio itinerante, audioguías ou unha exposición fan parte dunha iniciativa que promete amosarlle aos veciños novos xeitos de se relacionar cos seus sons.
Ángel Campos, memoria viva do Entroido coruñés from Música en Branco on Vimeo.
A elección A aposta pola Agra de Orzán non se debe a que o lugar sexa especialmente fecundo a nivel musical ou sonoro. “O proxecto fai parte do proxecto europeo Urbana-C, que está a se desenvolver alí, de xeito que o lugar veu dado”, explica Gómez. No entanto, a fase de investigación inicial revelou o enorme potencial do espazo. “Non penso que sexa algo exclusivo deste barrio, supoño que en toda a comunidade onde investigues aparecerá algo semellante, mais atopamos unha grande complexidade na configuración da música aquí”. O feito de contar coa maior densidade de poboación da Coruña, a situación do barrio e a súa evolución de área periférica a zona case céntrica, así como as diferentes vagas de inmigración que se deron e se dan ao longo da historia son algúns dos factores que determinan esta variedade. “A isto hai que sumar tamén o elemento xeracional. Diferentes xeitos de vivir a música coexisten segundo a idade ou o lugar. Supoño que as xeracións que están a medrar agora serán máis homoxéneas neste sentido, unidas por compartiren o propio espazo e o mesmo contexto social e xeito de consumir a música. No entanto, na xente maior a música depende máis da procedencia, hai inmigrantes que manteñen as súas raíces musicais, outra xente ten conexións coa música popular ou os cantos de taberna. Cada grupo marca aínda o seu sinal de identidade coa música”. E non só á hora de a escoitar. “Atopamos moitos máis grupos activos arredor da música do que poderíamos pensar nun comezo. Hainos que traballan na recuperación da música tradicional, hai corais, hai moitos grupos de xente nova”, sinala. As músicas urbanas como o hip-hop, o reggae ou o rock e pop predominan nestes últimos. Son e territorio A vertebración da memoria co territorio marca, dun xeito ou doutro, a orientación das propostas que se recollen no programa. Así,as Radiografías retratan da man de Xurxo Souto a música que se vive e se lembra en institutos e colexios, autobuses ou centros cívicos deste territorio na forma de programas itinerantes de radio. Ao tempo, as futuras Audioguías e Mapa Sonoro xeolocalizarán testemuños e sons. Pola súa banda, as rutas de sendeirismo urbano, que se crean de xeito participativo, localizan en percorridos a memoria e o coñecemento sobre o contorno ao tempo que achegan alternativas de mobilidade. A evolución do barrio, as lembranzas, os alcuños, os gustos musicais dos veciños de distintas idades ou os sons de coros e grupos máis ou menos formais que existen no barrio mestúranse nas diferentes iniciativas que se abordan no marco do proxecto.Deseñando entre todxs catro rutas a pé a través da Agra do Orzán from Música en Branco on Vimeo.
Crear memoria A memoria non se refire unicamente ao pasado. Música en branco preocúpase de xerar memoria para o futuro. Para comezar faino ao recoller e dispoñibilizar a memoria do pasado, as vellas cancións, a toponimia ou o traballo no barrio. Ademais, tamén se está a atender á música actual, aquela que se está a facer e a escoitar cada día e ás experiencias e xeitos de vida que se vehiculan ao seu arredor. Así mesmo, non podemos esquecer que o propio proceso de investigación do proxecto, as actividades e a experiencia dos veciños a participar no mesmo constituirán un elemento destacado na memoria futura do barrio. A Agra do Orzán será no futuro o lugar onde se desenvolveu Música en branco, unha historia máis que se sumará a todas as que constituíron e constitúen a memoria e a identidade colectiva do lugar. Esta pegada é algo que contemplan os propios promotores. “Non pensamos que o proxecto deba influír nas persoas ou xerar mobilización arredor da música. Pero si pensamos que estamos a amosar outros xeitos de traballar a cultura, e iso parécenos moi importante. As persoas que ata o de agora participaron nas propostas falan da experiencia como moi satisfactoria. Algo como as Barriografías, nas que a xente fala, escoita música do pasado e experiméntaa como algo presente está a ter moi boa acollida”. Sons para o futuro Conscientes dos potenciais desta iniciativa, os organizadores abordan con actividades escolares a investigación sobre todos estes ámbitos, animando a propia poboación a se interesar polos sons do pasado. “Interésanos o concepto intemporal do proxecto. Hai actividades centradas no presente, no pasado e no futuro. Documentamos información para que fique como testemuño e non queremos que quede en arquivos, senón darlle un valor presente e que se poida traballar con ela desde unha perspectiva social. E logo esa documentación que se está a xerar aproveitarase de cara ao proxecto de Smart City da Coruña, e estará dispoñible na propia rúa”. A audioguía xeolocalizada ou o mapa sonoro do barrio son propostas neste sentido que xa fan parte do proxecto. “A realidade aumentada xa está aquí, e desde logo nos vindeiros anos será aínda algo moito máis potente”, completa Gómez. Novas propostas Unha das máis curiosas innovacións do programa, e como parte da perspectiva de traballo aberta co que naceu, é a existencia dunha liña de financiamento orientada a novos proxectos que queiran afondar noutras perspectivas arredor do son e da música no barrio. “A idea é que outros colectivos e persoas poidan achegar outras perspectivas sobre a cuestión, pensamos que é algo que enriquece moitísimo o proxecto”, salienta Gómez. A cantidade de actividades desta proposta, que se prolongará ata o vindeiro mes de outubro, resumirase cunha grande exposición no centro Ágora na que se dará conta do material recollido e da experiencia resultante. Ata entón, Agra do Orzán constrúe e reconstrúe o seu son.