A lingua chega ao Parlamento por partida dupla

Prolingua presenta o seu informe sobre o traballo do Valedor do Pobo

14/5/2013 | Santiago. Redacción | Seccións: lingua
21 lecturas | Compartido 0 veces

O Parlamento de Galicia aprobaba esta mañá por unanimidade iniciar os trámites da Iniciativa Lexislativa Popular Valentín Paz Andrade. O texto, que reclama a introdución do portugués no ensino regrado en Galicia presentouse con 17.000 sinaturas de apoio e comeza agora o proceso de cara á súa aprobación. En paralelo, o grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego daba a coñecer onte na Coruña a súa Proposición de Lei de normalización de usos sociais e públicos da lingua galega. O texto que levará ao Parlamento propón medidas como garantir un mínimo do 50% de aulas de galego no ensino, un plan de usos a nivel universitario ou promover o galego nas empresas que contraten coa administración.

Pola súa banda, a plataforma Prolingua daba a coñecer onte o seu informe sobre o traballo do Valedor do Pobo sobre Política Lingüística en 2012. Na mesma, sinala que no período sinalado só se presentaron 67 queixas, a maior parte referidas ao emprego da lingua pola administración en formularios, comunicacións e rotulacións. A plataforma sinala que os datos amosan o "desleixo dos poderes públicos" pola nosa lingua ao tempo que apuntan o descoñecemento entre a cidadanía do papel do valedor.

Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ensino, DUPLA, Valedor do Pobo, Valentín Paz Andrade...