Os salóns do encaixe e da hípica, citas recomendables para as vacacións

Palillando e a cabalo

A IX Mostra do Encaixe de Camariñas e o salón Equiocio consolídanse como dúas das principais ofertas recreativas para a Semana Santa. Se en Camariñas podemos ver as últimas tendencias en moda realizada con encaixes, a actividade das palilleiras e diferentes tipos de artesanía, en Equiocio dispomos dunha ampla variedade de actividades que van desde a venda directa de material para a hípica ata a gastronomía, as exposicións e a competición.


Palillando




Por decimoprimeiro ano consecutivo, Camariñas acolle a Mostra Internacional do Encaixe que reúne na vila artesáns e afeccionados a esta arte de toda Europa. Galicia contará coa representación das asociacións de palilleiras Rendas, Nosa Señora da Barca, Mulleres Rurais de Moraime, Palilleiras de Ozón e As nemanquiñes. De fóra virán delegacións de Cataluña, Canarias, Castela e León, Béxica, Portugal, a República Checa, Alemaña e da organización internacional Oidfa. Ademais de ver o labor dos artesáns do palillado, na sección da pasarela poderán verse as creacións realizadas con encaixe por sinaturas coma María Mariño, Charo Carrillo, Oky-Coky, D´Aquela, Patricia Avendaño, Model Novias, Cruz Lastra, Novias Hermi, Paula Rola e Isilda Pelícano. Onda o encaixe, na mostra poderán verse traballos artesanais de coiro, cerámica, madeira, liño, cristal ou olería entre moitos outros. Para os máis pequenos están previstas as actividades de xogolandia, e quen queira algo máis que moda e artesanía están os deportes representados pola regata de bateis e o kayak polo e as actuacións musicais folklóricas que se repartirán por toda a fin de semana. Todo a partir das cinco da tarde de hoxe ata o sábado día 14, desde as once da mañá ás nove da noite.












A cabalo



O recinto ferial de Punta Arnela, en Ferrol, acolle desde hoxe a IV edición de Equiocio, o salón do cabalo que se está a convertir nunha cita indinpensable para os amantes da hípica. Ademais de poder ver as últimas novidades en equipamento para este deporte, tanto a nivel de guarnicionería como de moda e complementos, os asistentes poderán contemplar o concurso hípico o que participan algúns dos mellores xinetes do Estado e no que xa se bateu o ano pasado o record español e Salto de Altura. Pero non todo é hípica, aproveitando a afluencia de visitantes, os concellos da zona teñen instalados diferentes postos nos que presentan os seus atractivos turísitcos. Ademais, no recinto estarán en marcha exposicións de cadros, alfombras e vehículos históricos. Tamén para os nenos está prevista unha serie de actividades. A feria estará aberta ata o día quince entre as dez da mañá e as nove e media da noite.