Ollar o libro desde o seu día

Múltiplos indicadores revelan a crise que está a atravesar a industria editorial galega

O pasado venres 19 de abril, coa ollada posta no Día do Libro que se celebra hoxe, a Asociación Galega de Editores facía un chamamento á sociedade. O descenso de axudas pública, sumado á diminución de compras particulares e ao investimento necesario para incorporarse ás novas tecnoloxías sitúan ao sector nunha situación difícil. Repasamos os indicadores da edición galega da man do Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega e mais da Asociación Galega de Editores.

As tres grandes fontes de datos sobre a edición do Estado, o Instituto Nacional de Estatística a Federación de Gremios de Editores e mais o Ministerio de Cultura difiren en canto a importancia do baixón, mais as cifras falan claro: Está a se editar menos. A porcentaxe oscila entre o 7,2% que segundo o INE se editou menos en 2012 a respecto de 2011 ou o espectacular descenso do 28,8% que apunta o Ministerio. Se o INE sitúa en 2008 o comezo da tendencia á baixa, os Editores sinalaron un incremento na produción aínda ata 2011, mentres o Ministerio marca o punto de inflexión en 2010. A situación dáse logo de anos de crecemento acelerado no sector. A propia Asociación de Editores salienta que en 1980, segundo datos do ISBN se publicaban 187 títulos no noso país, mentres que en 2010 se acadaban 2.544 (case o duplo segundo outras fontes).



A gravidade do galego
Dentro dos datos que salienta a AGE no texto, destaca a especial depresión pola que pasa a edición na nosa lingua, especialmente se a comparamos con outras do estado. Segundo os editores, os lanzamentos en galego en 2011 foron un 16% menos do que no ano anterior, tanto en Galicia como no exterior, mentres que a falar das obras deste tipo que se editaron en Galicia, a diminución chega ao 18,60% no período sinalado. A teor destes datos, están en galego o 48,67% dos libros que se editan no noso país, o que supón unha diminución do peso no total, xa que a nosa lingua chegou a ser o 60% da produción editorial do país en 1990. Son editoras privadas as que cargan co 90% da produción de obras en galego.

A facturación
Fronte a isto, unicamente o 13,1% de todo o que se merca é libro en galego, o que supón 21,43 millóns de euros. A tendencia amosa tamén unha importante diminución neste sentido, cun 12,92% menos facturación para a nosa lingua a respecto de 2009. En total, os editores do país sinalan que sufriron unha baixada na súa facturación do 19,23% no último ano.
O Observatorio do Consello da Cultura, a partir dos datos do Ministerio de Cultura sobre Hábitos e Prácticas Culturais, cifra nun 28,4% o descenso no gasto en libros non de texto entre 2006 e 2011. De xeito aparentemente paradoxal, o índice de lectura continúa a medrar aos poucos, chegando ao 53,3% o número de persoas que leron cando menos un libro non último ano.





Emprego, empresas e exportacións
O chamamento dos editores non semella alarmista. Os datos que recolle o Observatorio da Cultura, a partir do Instituto Galego de Estatística, verifican unha importante caída do emprego e a destrución de empresas no sector. En concreto, a tendencia á destrución de emprego no ámbito do libro duplica a media do conxunto da economía galega, cun 25% de perda de postos de traballo desde 2007 a 2011, segundo sinalan os editores. Os datos tamén verifican o afundimento das exportacións no sector. Logo de anos nos que o sector abordou, con apoios públicos, diferentes iniciativas de internacionalización, as vendas exteriores dos nosos libros afundíronse 30% fronte a un incremento xeral das exportacións galegas dun 5%.

Evolución das exportacións de produtos editoriais, empresas de edición e afiliacións á Seguridade Social en Galicia





Traducións e libro electrónico
Para alén das malas novas, as cifras que manexan os editores salientan o importante incremento que se deu nas traducións ao longo dos últimos, que acadaron un 27,10% das publicacións en galego e que resisten mellor do que as obras orixinais a crise, cun descenso neto do 5,09% fronte á un 19,78% obras orixinais novas no conxunto da edición. Onde se está a verificar un crecemento importante nos últimos anos (211,47% segundo os editores) é na edición electrónica, un movemento estratéxico pola modernización do sector que os editores sinalan está a cargar aínda máis as súas arcas.

A mingua de apoios
Por se a situación do mercado non fose xa abondo grave, a AGE salienta a diminución dramática dos apoios públicos ao sector. Deste xeito, a adquisición de novidades para bibliotecas por parte da Administracións diminuíu desde os 1.250.000 euros de 2009 aos 500.000 en 2012, un 60% menos. Os editores chegan a cualificar de ilegal, xa que racha con compromisos establecidos na Lei do Libro, que prevían un investimento para estas adquisicións que debería triplicar o actuais para cumprir co establecido. Tamén se reduciu á metade o apoio ás traducións, o que pode explicar en certo xeito a problemática crecente da exportación dos nosos libros. Tamén denuncian os editores un recorte semellante no apoio á edición de Grandes Obras, que para eles son imposibles de desenvolver sen apoio público, ou da edición de materiais didácticos, que minguaron nun 75% nos últimos catro anos.

Medidas e preocupación social
Non foi este chamamento dos editores o único aceno de atención. A comezos deste mes, xa o escritor Héitor Picallo publicaba un Manifesto en defensa das editoras en galego que denunciaba a precaria situación do sector. En pouco tempo, a proposta conseguiu sumar centos de adhesións na rede, entre elas as de recoñecidos persoeiros da nosa cultura, o que amosa o interese social pola situación do sector. No caso dos Editores, o chamamento que presentaban a pasada semana inclúe dez medidas urxentes coas que pretenden solventar a delicada situación do sector, artelladas nos eixes estratéxicos do afianzamento sectorial, a cohesión social e a proxección. Entre outras propostas, avogan por facer efectiva a declaración de carácter estratéxico do sector como está previsto na Lei do Libro. Canda a isto, propoñen axilizar a adquisición de novidades editoriais, un plan cuadrienal de tradución ou a recuperación de apoio á internacionalización do sector. De xeito paralelo, apostan por plans de apoio ás librarías e polo potenciamento da rede de bibliotecas como xeitos de contribuír a mellorar o índice lector e o comercio de libros.
Documento Estratéxico da Asociación Galega de Editores.
Nota de prensa cos datos do Observatorio da Cultura sobre o libro galego.