Agadic convoca un concurso para elexir a quen coordine a política audiovisual

Substituirá no posto a Anxo Quintanilla que foi cesado en marzo

En setembro de 2012 a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convocou unha praza para elexir á persoa encargada de coordinar a política audiovisual. Daquel proceso saiu elexido Anxo Quintanilla, que cesou do seu posto no mes de marzo. Onte, a Agadic retomou o proceso para ocupar ese posto cunhas bases que presentan diferenzas con respecto ao perfil anterior. Desta volta xa non se esixe titulación universitaria nin demostrar traxectoria profesional na xestión de empresas audiovisuais e na xestión de actividades culturais, formación específica no sector audiovisual nin coñecementos de galego. O prazo de presentación de solicitudes é de cinco días hábiles que empezan a contar desde hoxe.

Agora, a persoa que ocupe ese posto deberá ter cumpridos 16 anos e “estar en posesión ou en condición de obter o título de bacharel, técnico ou equivalente, ou ter aprobadas as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos”. Ábrese así a un perfil amplo para ocupar ese posto e en cuxo proceso os candiatos poderán ser citados para a realización dunha entrevista persoal que explique o seu curriculum vitae e os méritos nel alegados. Con todo, a entrevista “non terá carácter selectivo e realizarase para os únicos efectos de permitir unha mellor avaliación dos méritos que sexan preciso detallar con mellor claridade”, segundo figura nas bases.
Bases da convocatoria para o Departamento de Política Audiovisual.