Tecer a rede da cultura libre

GZ Imaxinaria propón conectar proxectos alternativos no panorama cultural galego

Preparando o autobús 'hacker'. Foto: Galiza Imaxinaria
Preparando o autobús 'hacker'. Foto: Galiza Imaxinaria
Cultura libre. Cooperativa de usuarios. Novos xeitos de se organizar. O consumidor de cultura como produtor. Arredor destes e doutros conceptos pouco habituais polo momento no noso panorama naceu GZ Imaxinaria, un proxecto que quere por en contacto as propostas que se moven en coordenadas como estas no noso país.

Hai xa case tres anos que botou a andar GZ Imaxinaria. O proxecto naceu a raíz da Feira Imaxinaria que se celebrou en Vigo en 2010 eu que tivo unha nova edición o pasado ano. Segundo explica Manuel Cebral, un dos instigadores da cooperativa, “os dous proxectos veñen da man e un responde un pouco ao outro. A feira naceu coa intención de darlle un emprazamento común a colectivos e asociacións no cal poder amosar o que facían e conseguir repercusión e conexións. E a cooperativa ten os mesmos obxectivos”. Nese sentido a intención é “vincular diferentes colectivos e iniciativas que se fan en Galicia, xa estean vencelladas ao software e á tecnoloxía, á creación artística, á edición ou a conceptos de universidade libre”, explica. A cooperativa supón, pois un novo nivel na organización de propostas de tipo alternativo que están a agromar nos últimos anos en Galicia. “Queremos buscar un órgano artellador de iniciativas que xa existían e que teña un carácter xurídico máis forte do que unha asociación ou os propios particulares”. Así, están vencelladas ao proxecto iniciativas como Alg-a, a editora Axóuxere, o colectivo Baleiro ou o proxecto de investigación e acción sobre pedagoxía e escena Teatro Resoante. Canda a estes colectivos, unha decena de participantes artellan o xermolo da iniciativa, aínda en fase de consolidación.

Creadores e usuarios
A fórmula de traballo é o dunha cooperativa de usuarios, na que as persoas ou os colectivos interesados en participar achegan unhas cotas que lles permiten compartir unha serie de servizos. No entanto, non é tan sinxelo. “Non ficamos no concepto máis convencional de dereito dos socios a asistir a eventos e espectáculos, ou empregar mecanismos e recursos que se poñen en común. Nese sentido traballamos a fronteira entre uso e produción, como usuarios, tamén producimos ao tempo que empregamos. É un pouco a filosofía que está nas grandes plataformas de usuarios como Facebook e Youtube, onde polo mero feito de as empregar para os seus intereses persoais, calquera está a ser produtivo de xeito indirecto”. Comentarios, partilla de contidos e outros xeitos xeran unha “rendibilidade da que nós queremos que calquera poida facer uso”.

Espazos e autobuses
Deste xeito, unha das propostas que se está desenvolver desde a cooperativa é a coordinación dunha rede de espazos. Da man das entidades integradas nesta plataforma “creamos unha rede de espazos afíns que se poden propor para realizar residencias ou como lugar de estudos, ou a xeito de coworking para que os socios poidan ter sitios onde traballar”. Canda a isto, outra idea ben curiosa, polo momento pausada, é o Autobús Hacker, un vehículo acondicionado para funcionar como laboratorio de creación e difusión itinerante. “Estamos a ver como lle podemos dar saída, gustaríanos pode traballar directamente con enerxías renovables, e iso implica moito traballo.

Cousas e televisión
Entre os proxectos que está a desenvolver GZ Imaxinaria está a posta en marcha dunha “Cousateca”, un repositorio de bens e servizos que poden ser empregados por todos os participantes aínda que careza de localización física. É dicir, os elementos estarán situados en diferentes espazos ou nas mans de usuarios, mais sempre clasificados e localizados. “Empregamos un Sharewiki, unha plataforma de xestión e clasificación baseada no wiki pero máis potente e orientado a este fin”. Canda a isto, están a preparar o crowdfunding para financiar o servidor co que desenvolver a televisión en liña Adtlántida RTV. Para alén de proxectos futuros, a cooperativa está xa a desenvolver a súa actividade e recentemente participou no Wikisprint, unha iniciativa internacional para intercambiar contactos e coñecementos entre “abertos, horizontais e que estén dirixidos ao procomún” promovido pola Fundación P2P.

Imaxinación aberta
Sobre o nome destas iniciativas, Cebral apunta que “a produción dos individuos, dos grupos ou dos artistas cada vez é máis virtual, consiste en eventos, ou publícase na rede e xa non se amosa como un produto, senón en proceso ou de xeito imaxinario”. A idea de cultura libre preséntase como base da iniciativa. “No novo contexto de produción cultural non falamos tanto de produtos como de produtividade e nese sentido o traballo con este tipo de licenzas favorece a creación ao tempo que defenden o particular”.

O panorama
Boa parte destas propostas, aínda que compartidas por diferentes colectivos no noso país, non son nin moito menos compartidas ou executadas pola maioría do sistema cultural galego. Isto pode dificultar que o proxecto da Cooperativa alcance todos os seus obxectivos. Segundo recoñece Cebral, “non é doado. Temo o paradoxo de que estamos nun territorio moi pequeno unha grande diversidade a nivel de iniciativas culturais. Fanse moitas cousas pero están dificilmente conectadas, reflíctese un pouco o minifundismo ou a idea dunha multitude que convive nun espazo pequeno”. No entanto, apunta que “hai moitísimas iniciativas, que son innovadoras ou que combinan diferentes elementos de maneira orixinal, como pode ser o FAC Peregrinha ou Alg-a”, coas que os membros de GZ Imaxinaria consideran que hai opcións de colaborar. “Tampouco estamos todos illados. Ás veces hai conexións que están de xeito latente ou informal e desde a cooperativa queremos fomentalas e reforzalas, desde logo”.

Futuros
Entre as vindeiras citas imaxinarias está unha nova edición da Feira. “O ano pasado entramos no circuíto internacional Summer of Labs e simultaneamos un dos eventos desta iniciativa coa feira”. Este ano, de xeito paralelo á feira, celebrarase un encontro a nivel estatal sobre arquitecturas colectivas. “Contaremos con grupos de arquitectos, deseñadores e xente vencellada ao urbanismo ou á socioloxía”, explica Cebral. Canda a isto, o proxecto comezará en breve unha campaña de difusión logo de fechar a súa colaboración coa cooperativa de Banca Ética Coop57. “Queremos facer algunhas presentación e seguir apoiando e artellando workshops e programas de formación en colaboración cos colectivos que participan no proxecto, traendo xente de fóra e dinamizando temas que nos interesen”.
Dosier de presentación de GZ Imaxinaria.