O Consello da Cultura Galega afirma que as acusacións de intromisión na RAG son "totalmente infundadas"

Emite un comunicado en relación ás informacións aparecidas nos medios

O Consello da Cultura Galega fixo público un comunicado ao redor das informacións publicadas os últimos días nos medios de comunicación sobre a denuncia feita polo secretario da Real Academia Galega, Xosé Luis Axeitos, acusando ao Consello da Cultura Galega e ao Instituto da Lingua Galega de "intromisión" no traballo da Real Academia Galega.

Comunicado do Consello da Cultura Galega

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega, diante das informacións aparecidas nestes días nos medios de comunicación que se refiren ao papel desta institución, fai público o seguinte comunicado que pode ler no interior desta información.

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega, diante das informacións aparecidas nestes días nos medios de comunicación que se refiren ao papel desta institución, manifesta:

1º) Que o Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria, creada por Lei do Parlamento Galego en 1983, composta por personalidades e representantes de institucións, como universidades, centros de investigación, fundacións e academias, entre elas a Real Academia Galega. Como órgano asesor e consultivo, actúa con independencia respecto dos poderes públicos.

2º) Que as insinuacións sobre posibles interferencias ou intromisións desta institución no traballo doutras e, concretamente, da Real Academia Galega son totalmente infundadas.

3º) Que o Plenario desta institución se pronunciou por dúas veces, en datas recentes, sobre a situación da lingua galega, nunha Proposta institucional e nun Ditame sobre o decreto de plurilingüismo. Estes informes son públicos.


Esta Comisión Executiva quere facer unha chamada pública a favor da actuación responsable, no ámbito das súas competencias, das institucións da cultura galega, e considera imprescindible manter liñas de colaboración e de respeto mutuo, como o Consello da Cultura Galega vén practicando de forma sistemática desde a súa creación.