A Xunta asegura a continuidade da Rede Galega de Teatros e Auditorios

As redes de salas e música ao vivo dependerán do orzamento final

Os recortes para o sector das artes escénicas só garanten a continuidade da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Os outros circuítos, os de salas e música ao vivo dependerán do orzamento final que se aprobe. Así o dixeron, tanto o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria onte no Parlamento ante unha pregunta da deputada Ana Pontón, coma o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, aos representantes da plataforma galega das artes escénicas o pasado martes.

Era unha comparecencia agardada por parte do sector, algúns deles estaban ás portas do Parlamento e outros na tribuna de convidados. O que alí se dixera serviría para esclarecer cando se iniciarán as contratacións dos espectáculos culturais. Ana Pontón, deputada do BNG, preguntáballe a Xesús Vázquez, conselleiro de Educación, sobre a situación das redes de distribución de espectáculos. Tras unha disputa entre o conselleiro e a deputada, que se saldou co desaloxo dos membros da Plataforma das Artes Escénicas presentes na tribuna, o conselleiro de Cultura desvelou parte das actividades previstas para este ano.

Agadic “é un elemento central” da política cultural e afirmou que malia a restricións orzamentarias “asegura a distribución a través da Rede Galega de Teatros e auditorios”. Non correrán a mesma sorte os circuítos de Rede de Salas e de Música ao vivo que “dependerán dos orzamentos para actividades”. Ademais, aproveitou para dicir que no segundo semestre se convocarán as subvencións a festivais e se fará cun importe superior porque teñen un “interese estratéxico”.

Parte dese anuncio xa era público por mor dun comunicado remitido pola Plataforma das artes escénicas que, alén da situación das redes, púxolle cifra aos recortes da Agadic. “O orzamento da AGADIC vai sufrir unha nova redución do 45%: é dicir, co 55% restante acometerase a débeda desprazada do 2012 e a programación e actividades propias da AGADIC” di o comunicado, que asegura que está no aire “a convocatoria de axudas á actividade escénica”.