A mobilización da ciencia

A comunidade científica mobilizouse e sufriu censura durante a catásfrofe do Prestige

É sabido que a marea negra do Prestige actuou, hai xa dez anos mobilizou os máis diversos sectores da nosa sociedade. No entanto, quedaba por documentar o movemento que se deu entre os científicos do país. Silenciados e censurados, os profesionais da investigación tamén se moveron desde o primeiro momento ante a catástrofe. Victoriano Urgorri repasa este movemento nun artigo que se inclúe no volumen Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-2008), publicado polo Consello da Cultura Galega.

Urgorri é profesor de zooloxía mariña na Estación de Bioloxía Mariña da Graña e coordinou o volume no que o Consello da Cultura Galega recolle a produción científica que se derivou no noso país da catástrofe do Prestige. O seu artigo, A marea negra do Prestige: A implicación da comunidade científica galega, serve de introdución ao volume a analiza a marxinación da comunidade científica nos primeiros momentos da marea negra e as súas actuacións, completando o texto cunha cuantificación da produción de coñecemento posterior.

Expertos, que non científicos
Segundo sinala este investigador, o comezo da catástrofe as autoridades políticas xustificaron as súas actuacións nos consellos de “expertos” que, no entanto, non eran científicos. “Eu penso que eses expertos como tales non existían. Nunha marea negra o máis importante son as decisión iniciais, e estas estaban na man da Secretaría Xeral da Mariña Mercante. Que puidesen chamar ao práctico da Coruña ou a un enxeñeiro naval, pode ser. Pero iso non é un comité de expertos. Eu estou convencido que naquel momento desde as institucións só se pensaba en qué se podía facer co barco e coa carga, que era o que se consideraba con valor”, explica.

A organización e a imaxe
Ante esa situación, a mobilización dos científicos galegos foi inmediata, coordinándose de xeito autónomo e informal. “Desde o primeiro día, comezamos a nos organizar. Houbo unha xuntanza por iniciativa do CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar) xa no 10 de decembro de 2002, coa participación dos centros de investigación galegos. E a partir de aí creouse o Comité Interinstitucional, con grupos de traballo e áreas de actuación definidas”, explica. “Houbo unha dispoñibilidade que nos asombraba a nós mesmos, posiblemente derivada de que se estaban a facer mal as cousas, sen ningún criterio. A xente estaba cabreada, moitos deixamos investigacións que tiñamos en marcha para nos meter nisto”, lembra. Aquel ambiente explica que a publicación na revista Science dunha carta colectiva que a comunidade de investigadores se desvinculaba das decisións gobernamentais sobre o barco. “Estábase a dar a imaxe de que os científicos galegos eramos uns mantas que non sabiamos facer nada. Falábase dos expertos pero non eran físicos, biólogos nin xeólogos. E entón fíxose a carta que saíu publica en Science porque aquí non a publicaba ninguén, e tivo moito eco fóra”.

O traballo co Goberno
A coincidir con estes esforzos de organización, desde o Goberno Central botouse a andar un Comité Científico Asesor. “O primeiro grupo que asesora o goberno foi o Comité Científico Asesor, que se creou xa cando o barco estaba xa no fondo a perder fuel”, lembra Urgorri. “Houbo unha preeminencia do Centro Superior de Investigacións Científicas neste foro. Desde esta entidade fíxose un Plan de Intervención Científica para Galicia feito desde fóra, sen ter en conta os investigadores de aquí. Nunha xuntanza moi dura tirámolo abaixo e organizámonos en grupos para facer un novo plan de intervención. Estas cousas non se saben, aos das universidades considerábasenos como traballadores”. A partir de entón non todo foi negativo para os científicos. Unha vez pasado o primeiro momento, “quizais por sermos tan díscolos o goberno pensou en darnos cartos aos científicos para que nos puxésemos a investigar e calásemos a boca”. “Falamos de marzo de 2003, cando se activaron as Accións Especiais Urxentes, que se deron a dedo pero de tal xeito que quen non estaba a participar delas foi porque non quería. Había 77 investigadores galegos e do País Vasco. E partir de aí sucedéronse convocatorias ata 2008”.

A preeminencia das universidades
Urgorri reclama o traballo dos investigadores universitarios fronte ao do CSIC na produción científica sobre o Prestige. “O papel das universidades en todo este proceso, tanto galegas como de fóra”, e sexa a nivel de mobilización como da produción científica posterior, “foi fundamental fronte a outros organismos. En todo. Xa non só no número de investigacións que se realizaron, senón tamén á hora de falar das publicacións feitas”. En total foron 145 proxectos e subproxectos de investigacións, dos cales as universidades galegas lideraron por si soas un 45%, unha cifra que chega ao 53% a sumar os que desenvolveron en colaboración co Instituto Español de Oceanografía e da Fundación AZTI. Por centros, a Universidade de Santiago desenvolveu 26 destes proxectos, mentres a da Coruña desenvolveu 17 e a de Vigo 13, á que se suma o Instituto Español de Oceanografía de Vigo, con 6 copando os primeiros postos á hora de

O control
No proceso de publicación dos primeiros datos, déronse tentativas de control sobre a comunicación dos científicos. “Cando saen os primeiros resultados da Accións Urxentes, que amosaban como estaban as cousas, propuxemos un simposio internacional para debater a situación. E mandáronnos a Santander, nun lugar illado, sen medios de comunicación. Ata que cae o goberno de Aznar non mudou nada. E naquela comisión tiñamos un comisario político que viña ás nosas xuntanzas. Nun proxecto no que eu participara atoparamos fuel a mil metros, e iso saíu na prensa. E chegoume esta persoa dicíndome que como non llo pasara a el para a difundir”, lembra Urgorri. “Sacáronse cousas por fóra dese control. Se nun medio de comunicación saía un dato deses proxectos, como no día en que se publicou que había un certo risco sísmico na zona do pecio. Logo nos medios as cousas ás veces saían esaxeradas, ou había descualificacións cara aos científicos. Houbo algún desencontro, non moitos pero si algúns”.

Resultados
Para alén das cifras xerais sobre o número de traballos feitos e publicados, este investigador destaca que se xerou “un corpo de investigación moi amplo, como nunca se fixera acó. Poida que outras mareas negras fóra fosen máis estudadas, pero desde logo a nivel estatal é o proceso contaminante máis investigado”. Dentro dos múltiplos ámbitos que se traballaron “no que máis se avanzou foi na oceanografía operacional, aínda estivo financiado ata hai moi pouco. Cando se produciu a grande mancha, houbo que ir metendo todos os datos meteorolóxicos e oceanográficos para predicir onde podía ir aquilo. Avanzou moito esa capacidade cálculo, ou cando menos é a que máis se desenvolveu, onde se sabía menos e agora se sabe máis. Quizais noutras disciplinas xa houbese un maior coñecemento inicial e entón non se verifica tanta diferenza”. Pola contra, o caso no que os resultados semellan menos claros é no campo da actuación fronte a continxencias. “Foi no caso no que menos investigadores colaboraron para incluír os seus traballos no libro. É curioso porque ao tempo son os que resultan máis visibles de cara á sociedade”.

O libro
Segundo sinalou Francisco Díaz Fierros, Coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura, na presentación do libro, “este volume vai destinado fundamentalmente á comunidade científica, coa intención que coñezan os resultados que se obtiveron en diferentes ámbitos arredor do Prestige”, e adiantou que desde esta institución abordarán ao longo de 2013 a elaboración dunha “versión máis dixerible” destes datos destinada ao público xeral e mesmo a centros de ensino. Urgorri pola súa banda sinalou a necesidade de compilar este coñecemento xa que, advertiu, “a vindeira marea negra pode acontecer calquera día”, aínda que tamén apuntou que o Plan Acción contra mareas negras aprobado aínda no pasado mes de decembro, si que contempla vías de comunicación cos científicos para coordinar a reposta.
Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-08) Avaliación e xuízo crítico en pdf.