Lembrar A Pepa

A Constitución de 1812 provocou a mobilización da sociedade galega do momento

O Parlamento de Galicia acollía esta mesma mañá a presentación da primeira tradución ao galego da Constitución política da monarquía española promulgada en Cádiz o 19 de marzo de 1812, máis coñecida como A Pepa ou A Constitución de 1812. O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública queren conmemorar con esta publicación aquel proceso histórico ao tempo que reivindican o papel que os parlamentarios galegos xogaron no mesmo.

O volume, para alén do texto facsimilar da Constitución, achega a versión en galego, que se acompaña do Discurso presliminar co que se presentou o texto nas Cortes. Estudos introdutorios e bibliográficos de Ramón Villares, Roberto Blanco Valdés, Ramón Máiz e María de Lourdes Pérez González completan as 514 páxinas desta edición. Con este lanzamento, segundo explica Máiz, editor canda a Villares do texto, "quérese amosar aquel proceso, no que houbo unha representación galega extraordinariamente ampla e que promoveu un debate ideolóxico que tivo un eco enorme no noso país. De aí que o volume, para alén da tradución inclúa tamén un apéndice no que se recollen fontes bibliográficas que amosan esa relevancia, con textos, proclamas, xornais e obras de todo tipo que se ocuparon do impacto a prol e e en contra desta constitución".

A delegación galega
Nas Cortes de Cádiz que elaboraron A Pepa, o número de Parlamentarios galegos sumou uns 25 (hai algunhas discrepancais segundo as fontes), aínda que non todos estiveron á vez presentes nos debates. Entre a convocatoria das Cortes en 1810 e a súa disolución 4 anos despois houbo eleccións, renuncias e mudanzas de todo tipo na composición da cámara. Non era unha contía moi importante fronte aos 306 que participaron neste órgano, e entre os cales, debemos lembrar, estaban tamén delegados das daquela colonias españolas alén mar. Segundo sinala Gustavo Hervella, historiador que elaborou as biografías de varios destes deputados para o proxecto Diccionario Biográfico de Parlamentarios Españoles, na representación galega "había de todo. Desde parlamentarios moi conservadores e mesmo absolutistas ata liberais. Estes últimos na maior parte viñan da Coruña. Logo de Vigo e de Compostela ían moitos conservadores, e o mesmo de Ourense, Lugo e Mondoñedo, aínda que tamén había cregos liberais".

Representantes
Encol de como chegaron aqueles galegos á cámara, debemos pensar que elección de deputados facíase sobce un censo moi reducido. "Había distritos, non provincias. Entón os parlamentarios viñan dos arredores de Santiago, da Coruña ou de Vigo", explica Hervella. Para ser elector e elixible "había unha serie de criterios económicos e de posición social, esixíanse determinados estudios. Non se aceptaban mulleres, e ao mellor en cada distrito votaban entre 8 e 20 persoas. Nalgunhas eleccións tamén tiñan que ser orixinarios do distrito polo que se presentaban. Na maior parte dos casos falamos de avogados, fidalgos ou curas" que tiveron unha grande presenza na delegación galega nas Cortes. Entre eles, "había mesmo algúns moi absolutistas que nin chegaron a tomar posesión do seu cargo, e outros que abandonaron as Cortes cando se debatiron a disolución da inquisición ou o papel da Igrexa. Destes algúns voltaron despois á cámara e outros non", lembra Hervella. Non foron os únicos, tamén entre os liberais algúns non tomaron posesión porque non chegaron a Cádiz. Hai que pensar que era un período de guerra e se xa as viaxes eran complicadas daquela, aínda pior. Segundo recoñece Máiz "a situación fixo que a correlación de forzas que había en Cádiz non respondese a unha auténtica representación das posicións maioritarias de España, moi debedoras do Antigo Réxime", o que explica a creación dun texto cun carácter marcadamente liberal e a tensión política que provocou a súa aprobación.

Participación
Nos galegos que se achegaron a Cádiz había unha certa maioría de carácter conservador ou mesmo absolutista entre os nosos representantes naquelas Cortes. Dos participantes, segundo lembra Hervella "houbo xente que protestou e debatiu fortemente contra as medidas liberalizadoras, como os recortes e poderes á Igrexa". Para Ramón Máiz, "as posicions era non diría conservadoras, mais tradicionais. Fronte a eles estaban os deputados americanos que achegaban unha proposta federal" mentres conservadores e liberais españois apostaban por modelos centralistas. "Con algunha excepción importante, como a do ferrolán José Alonso y López, a súa participación non foi especialmente activa nin determinante no curso dos grandes debates", recoñece Ramón Villares na introdución á edición en galego da Pepa. Ferrolán do sector liberal, era un coñecido matemático que se viu abocado ao exilio logo da restauración do absolutismo. Canda a el, pódese mencionar se acaso o Compostelán Benito Ramón Hermida Maldonado, absolutista que presidiu brevemente, como membro de maior idade, a sesión inagural das Cortes (só ata que os membros votaron un novo presidente). Tamén ocuparon este posto, xa por elección, Luís Rodríguez del Monte , deputado por Betanzos, e Antonio Payán, representante da Coruña que tivo un destacado papel na polémica contra os cregos galegos máis reaccionarios presentes nas Cortes que se negaban a asinar o texto constituínte.

Pegada en Galicia
Para alén do impacto que os galegos puidesen ter no texto final, limitado polo feito de seren pouco no conxunto das Cortes, os debates que se produciron nesta cámara tiveron unha grande importancia no noso país. Segundo sinala Ramón Villares na introdución ao volume, "as consecuencias da revolución política de Cádiz foron explícitas no seo da sociedade galega, que experimentou daquela un intenso proceso de socialización política e ideolóxica". Mobilizacións antiseñoriais, textos políticos, debates públicos e, en xeral, a coincidir coa invasión francesa, "a aparición dos primeiros gromos dunha opinión pública, plasmada na edición de ata tres ducias de xornais que constitíuen o primeiro piar da prensa en Galicia e, desde logo, a oportunidade para incorporar ou fundir pautas culturais de procedencia ilustrada". Canda a isto "alentou a aparición dunha conciencia cultural de carácter provincial, iso é do Reino de Galicia, que supuxo o emprego moi significativo da lingua galega en canto fala popular". No mesmo sentido, Máiz sinala que "neste momento deuse unha reactivación da Xuntas, entre elas a do Reino de Galicia, e algúns albiscaron con isto a posibilidade dunha organización poderiamos dicir que autonómica". Fronte a isto, tamén recoñece que "existe un certo mito que olla a Constitución de 1812 como unha fundamentación da nación española. A verdade é que se debatiu moito a posibilidade de seguir un modelo federal como o de Estados Unidos, pero si é certo que no texto se puxeron as bases dun unitarismo que logo custou moito rachar".
A constitución de 1812 en lingua galega. Estudos, textos e bibliografía en pdf.
Perfís dalgúns dos parlamentarios galegos nas Cortes de Cádiz.