O Instituto da Lingua Galega (ILG) vén de publicar, en colaboración coa Fundación Barrié e a Editora USC, o 'Atlas Lingüístico Galego VIII. Léxico. O ser humano (III)'. Trátase do oitavo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), obra de investigación dialectolóxica amplamente recoñecida no eido dos estudos europeos pola rigorosidade dos seus datos e a excelencia das súas visualizacións cartográficas. O novo tomo, froito do traballo dos profesores Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio Sousa, está constituído por 280 mapas que dan conta das 3.695 variantes léxicas para 259 conceptos vinculados á educación, a música, os xogos, as actividades de lecer, a relixión, as festas relixiosas e profanas, os seres míticos, as características psicolóxicas do ser humano e a roupa e o seu coidado. Para cada un dos conceptos ofrécese un mapa coa representación da distribución das variantes léxicas e unha páxina de notas coa relación das variantes recollidas, os significados asociados á variable estudada e a información complementaria anotada polos investigadores (usos das variantes, vixencia das formas, matices de significado, etc.).
O proxecto do ALGa comeza na década dos anos setenta do século pasado co obxectivo de estudar a variación xeolingüística do galego falado nas zonas rurais e enmárcase na Biblioteca Filolóxica Galega que xorde a finais dos anos noventa, ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié co obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente. O material sobre o que se elaboran os volumes do ALGa está constituído polas enquisas realizadas en 167 localidades do territorio de fala galega entre os anos 1974 e 1977 por Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González.