A Festa da Arribada de Baiona abre unha fin de semana de celebracións

Arriba, arriba

A apertura hoxe da Festa da Arribada de Baiona inaugura unha fin de semana na que as celebracións competirán coa chuvia. Ademais da Arribada, temos as festas do queixo de Arzúa e a das filloas de Lestedo, que exaltan eses destacados productos.

Arribada




A sexta edición da Festa da Arribada de Baiona comeza esta mesma tarde, celebrando o 508 aniversario da chegada da carabela "Pinta" logo do descubrimento de América, sendo este o primeiro porto europeo que tivo noticia do resultado desta viaxe. Os actos previstos para hoxe exaltarán a figura de Martín Alonso Pinzón e o comezo do mercado medieval, que se desenvolverá na zona vella da vila ata o día catro e no que se inclúen actuacións musicais e artísticas e mostras do traballo de artesáns, ademais da venda de todo tipo de productos. Ademais do mercado, os visitantes poderán observar os entrenamentos dos cabaleiros ou escoitar as novidades do pregoeiro, sendo o prato forte a chegada a porto da réplica da Pinta, que terá lugar o domingo ás catro da tarde. Na festa participan delegacións de Santa Fe (Granada), Palos da Fronteira (Huelva) e Pornic (Francia).












Queixo



Unha cita imprescindible para os amantes da gastronomía, a Festa do Queixo de Arzúa, comeza mañá cun programa que inclúe importantes actuacións. Durante o sábado, ademais dos tradicionais pasarúas, poderán verse, ás once da noite, a actuación dos grupor The Wet Backers, La vaca azul e Telephunken. Para o domingo están previstos os actos máis importantes, comezando pola apertura do Mostra de Queixo de Arzúa ás dez e media da mañá. A unha da tarde Xosé Ramón Fandiño realizará a lectura do pregón e acontinuación farase a entrega dos premios do XXVI concurso de carteis "Festa do Queixo", que nesta ocasión gañou Santiago Blanco con "O bo queixo". A partir das sete e media celebrarase o XXVI Festival Folk Rock Festa do Queixo no que participarán Xosé Manuel Budiño, Luar na Lubre, Los Enemigos e Ska-P.




Filloas


Lestedo pecha os carnavais celebrando a XVIII edición da Festa da Filloa, para a que os veciños prepararon 60.000 unidades deste producto que se repartirán gratuitamente. Durante a pasada edición desta festa, máis de cinco mil persoas acudiron a esta localidade a desgustar as filloas do lugar, de grande fama, e agárdase que para esta edición sexan ata dez mil as persoas que se acheguen. Ademais de filloas, haberá dez mil litros de viño e as actuacións das orquestra Gran Parada e Oca. O pregón, que lerán Roberto Vidal e Alexander Piraña, actores na TVG.