A Festa da Arribada conmemora a chegada a Baiona da "Pinta" en 1493

Festas de cultura

Un ano máis Baiona celebra o ser a primeira vila do mundo que tivo coñecemento da existencia de terra alén do Atlántico. Durante tres días a vila voltará ó século XV e, cunha chea de actividades, rememorará a chegada da caravela "Pinta" mandada por Martín Alonso Pinzón, hai cincocentos nove anos. Mentres, en Arzúa e con motivo da Festa do Queixo, celébrase un Festival de Pop Rock que intercalará artistas do país con grupos foráneos.

Retorno ó XV

Durante tres días Baiona voltará ó século XV para celebrar que hai 509 anos chegou ó seu peirao a caravela "Pinta" traendo a noticia de que había terra da outra banda do Atlántico. Ademais da representación da propia arribada, a vila estará repletas de actividades coma o mercado medieval, no que haberá máis de trescentos postos abertos ata a media noite. As rúas contarán coa animación de malabaristas, contacontos, músicos, desfiles e, por se fose pouco, na tade do sábado representarase a queima dunha bruxa, coma nos mellores tempos da Inquisición, e o domingo, unha loita entre cabaleiros. A cantidade de actividades programadas sitúan esta festa coma unha das máis destacadas de reconstrucción histórica do país.
Prevendo a masiva asistencia ó encontro, o concello habilitou zonas de aparcamento especiais e subscribiu un convenio coa navieira Mar de Ons para permitir que os visitantes deixen o automóvil da outra banda da ría.











O rock do queixo


A feira do Queixo de Arzúa está a consolidarse desde hai varios anos coma unha cita que transcende a gastronomía. Así, ademais de queixo, os asistentes poderán asistir a un festival de folk-rock no que grupos do país comparten cartel con estrelas foráneas.
A música comezará esta noite coa actuación na praza do grupo local Wet Backers, do coruñés Deluxe e dos coñecidos Fangoria. Sen embargo, será o domingo cando comeze o festival en si coa presencia de Mercedes Peón e do acordeonista basco Kepa Junquera as sete da tarde. A partir das once será a quenda dos grupos Sex Museum e Mojinos Eskozíos, que porán o toque de rock na festa.
Ademais, durante toda a fin de semana haberá pasarrúas, concertos de gaitas e charangas.