Ardalén chega en galego

Miguelanxo Prado presenta a súa primeira novela gráfica na Coruña

Fragmento da capa de <i>Ardalén</i>
Fragmento da capa de Ardalén
A FNAC da Coruña acolle hoxe ás 19:30 a presentación mundial de Ardalén a agardada novela gráfica de Miguelanxo Prado. A obra que supón o retorno do autor á banda deseñada logo de varios anos supón unha aposta ambiciosa na que o autor explora a fondo as posibilidades narrativas do xénero. Para máis, por vez primeira, un traballo de Prado sae en galego ao tempo que en castelán.

“Tardei moito en poder ver unha obra miña en galego. E agora, ver que esta se edita ao tempo, e que sae mesmo antes que as versión internacionais, e que a presentación mundial se fai na Coruña, é unha satisfacción. É como unha cadea que se fecha, e non foi sen tempo”, sinala Prado, que en diferentes ocasións, ao longo de anos, amosara o seu descontento por non poder ter a súa obra publicada na súa lingua orixinal. El Patito Editorial corre coa versión en galego dun volume que edita Norma en castelán e que está xa dispoñible nas librarías de todo o país.

Ardalén supón ademais o debut do autor no formato de novela gráfica, abandonando o habitual álbum europeo. “Hai anos que tiña as liñas básicas da historia, e posiblemente o feito de que se estivese cocendo tan a lume lento foi en parte por esa cuestión. A narración esixía un espazo para desenvolver e non funcionaba nun álbum nin sequera de 64 ou 80 páxinas. A previsión inicial era de 180 e acabei facendo 256. Vin que era a historia idónea para facer cousas a nivel de elementos narrativos, que xa levaba tempo querendo tentar”.

Innovación
A obra céntrase na memoria, na súa perda e reconstrución e nos xogos e confusións que se producen na mesma. Prado xoga con documentos , fotografías ou obxectos para narrar unha historia na que convida a participar ao lector. “É unha tentativa de explorar as posibilidades do propio medio e incorporar vías de información para o lector e de expresión para a propia historia, isto dá nunha estrutura un tanto máis complexa do habitual, pero tampouco estamos a falar dunha teoría cuántica”, lembra. Penso que un símil que pode funcionar é a idea desas caixas que atopamos nos faiados e nas que atopamos fotografías e obxectos dos que descoñecemos a historia. Un carné, un pasaporte ou un billete de tren e a partires deses elementos ás veces acabamos recompoñendo unha certa historia. A intención do libro é relativamente parecida, no lugar de facer unha construción máis ou menos estándar, tento que o lector xogue comigo”. Canda a isto, o autor apunta que na obra “hai unha nova proposta visual, na que fica parte da experiencia de De Profundis a nivel gráfico, aínda que funciona con técnicas diferentes”, explica o autor.

Difusión internacional
Como é habitual nas obras de Prado, Ardalén contará cunha difusión internacional moi superior ao que pode aspirar calquera obra literaria ou cinematográfica feita no noso país. “Estivex a traballar na rotulación do francés e do alemán, que logo se han imprimir. Logo dixéronme que están para chegar as versión portuguesa, holandesa e italiana, sei que Estados Unidos ha tardar algo máis, seguramente para abril ou maio. Estas son as primeiras, logo normalmente sairá en mercados máis pequenos”, sinala o autor, acostumado a lanzamentos destas magnitudes. “A verdade é que nunca fun moi consciente de todo ese proceso, foise producindo de xeito moi natural. Eu comecei a publicar e fóronme dicindo que ía saír en Francia. A partires de Trazo de xiz si se produciu un certo proceso de inflexión no que ese proceso se automatizaba, en canto sacaba un libro novo, xa sabía practicamente qué edicións ían saír nun primeiro momento”.
A presentación da Coruña, que vai acompañada dunha exposición que se poderá ver ata o vindeiro mes de febreiro é o comezo dunha xira que vai ter ocupado ao autor unha boa temporada. O salón do cómic de Getxo e Madrid son só as primeiras paradas da viaxe.
Adianto de 50 páxinas de Ardalén no web de Norma Editorial.