Salvador García Bodaño e Quintana Martelo entre os Premios da Cultura Galega

Miguel Anxo Fernández, Manuel Rodeiro e o grupo de Teatro Airiños

Salvador García Bodaño na categoría das Letras; Manuel Quintana Martelo na das Artes Plásticas; o grupo de teatro Airiños (Rianxo) na das Artes Escénicas; a Fundación Eduardo Pondal en Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural; a Asociación Internacional Estudos Galegos en Promoción Cultural de Galicia; Manuel Rodeiro en Música e Miguel Anxo Fernández na modalidade de Creación Audiovisual. Estes son os Premios da Cultura Galega 2012, uns galardóns convocados pola Xunta para recoñecer o traballo de persoas e institucións nos distintos eidos da creación.

Son os galardóns máis destacados da cultura galega. Creados polo bipartido, modificados (perderon a etiqueta de nacionais máis a dotación económica, así como reduciron o número de premios) polo actual goberno recoñecen os mellores creadores do país. O xurado estivo conformado por representantes da Xunta de Galicia, do Consello da Cultura Galega, das tres universidades, da Real Academia Galega e da Real Academia Galega de Belas Artes, así como por catro profesionais de prestixio no ámbito cultural.

Na nota de prensa remitida pola consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, destaca os seguintes perfís dos novos premiados.

"No apartado das Artes Plásticas, Manuel Quintana Martelo foi distinguido "pola calidade da súa obra e compromiso coa pintura, así como a súa implicación en diversos proxectos culturais para ampliar a presenza das artes plásticas galegas. O artista formou parte de Atlántica e expuxo en prestixiosos museos e galería de diversos países.

O grupo de teatro Airiños, de Rianxo, foi o premiado na categoría das Artes Escénicas polo traballo desenvolvido desde a súa creación, no ano 1933, que o converte na máis lonxevo de Galicia. Así, ao longo de catro xeracións, esta iniciativa veciñal vén sendo protagonista da construción dunha creatividade escénica de raíz popular desde o ámbito local.

Na modalidade de Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural o galardón recaeu na Fundación Eduardo Pondal, pola súa ampla e constante programación participativa arredor das letras galegas, desenvolvida coa implicación de entidades, axentes culturais e veciños da terra natal do escritor que lle dá nome á fundación.

O premio á Promoción Cultural de Galicia foi para a Asociación Internacional de Estudos Galegos, entidade creada na década de 1980 na costa leste dos Estados Unidos co obxectivo de difundir por todo o mundo a cultura e a lingua galegas. Desde entón, a AIEG impulsa e desenvolve o seu labor, principalmente, no terreo académico e universitario.

Manuel Rodeiro mereceu o recoñecemento do xurado na categoría de Música polo seu labor de referencia na creación sonora contemporánea. Compositor, crítico, xestor e pedagogo, Rodeiro dirixiu o departamento de Música do Centro Galego de Arte Contemporánea, foi fundador da editorial musical Música Nueva e do conxunto instrumental Cámara XXI.

Na categoría de Creación Audiovisual, o galardón recaeu este ano en Miguel Anxo Fernández, crítico audiovisual, escritor e autor de numerosas publicacións de temática cinematográfica. Na súa ampla traxectoria vinculada ao audiovisual, foi impulsor de numerosas iniciativas destinadas á promoción do cine galego."