A correa de transmisión do cadriño (II)

O ensino da banda deseñada promete xerar un panorama máis dinámico, con máis creadores e máis formados

Imaxe: Clase de entintado de BD en Eco Escola de Arte.
Imaxe: Clase de entintado de BD en Eco Escola de Arte.
Autores máis formados, unha renovación constante de creadores, máis fanzines e creacións colectivas ou un posible efecto de arrastre sobre a industria editorial galega. Estes son algúns dos revolucionarios efectos que promete ter na banda deseñada no noso país a maior oferta formativa no sector. Analizamos con algúns profesionais do sector este fenómeno e as súas causas na segunda reportaxe da nosa serie.

Na nosa anterior reportaxe analizabamos o estado e a evolución do ensino da banda deseñada en Galicia, comprobando o significativo incremento de actividades e da súa variedade que se está a dar nos últimos anos. A partir deses datos, analizamos agora as causas da vitalidade deste campo e tentamos albiscar algúns dos efectos, verdadeiramente importantes, que pode ter sobre o sector.

Máis demanda
A maior popularización que a banda deseñada está a acadar a nivel internacional, e a relativa eclosión da novena que se fai en Galicia, co éxito de diferente autores, pode ser un dos motivos que explica a maior demanda formativa que se está a dar neste campo. “A medida que se vai normalizando a BD nos medios de comunicación custa menos comprender que esta é unha profesión máis, aínda que continúa a haber prexuízos. Esta situación non sería posible hai dez anos”, apunta o director da escola O Garaxe Hermético, Kiko Da silva. Jacobo Fernández, pola súa banda salienta que “isto fai parte da expansión da BD en todos os aspectos, un fenómeno que acaba afectando tamén ao aspecto formativo. Ao non atopar resposta no ensino oficial, van aparecendo iniciativas privadas”.

Dentro da popularización que pode estar a acadar a banda deseñada como arte, Santy Gutiérrez, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) apunta que “agora hai máis cultura visual. A xente convive co debuxo ou películas de animación, e tamén apareceron os ciclos de FP artística, ou as escolas de arte, que tiveron un incremento destacado de matrícula. Agora ao mellor a xente xa non lle resulta tan estraño pensar en traballar no debuxo”. Encol dese incremento da demanda, Gutiérrez tamén apunta que “ao mellor a xente aposta máis por se dedicar á BD porque tampouco hai oturas opcións profesionais. Noutro momento podían optar tamén a ser profesores ou traballar nunha ferretería, pero agora a xente arrisca máis por facer o que lle gusta, e fórmase”. Outra posibilidade que pode explicar o incremento da demanda “pode ser tamén a facilidade de acceso a información e coñecer tanto actividades de aquí como propostas que se fan noutros lugares e que se poden adoptar”, explica o presidente da AGPI.

Máis profesionais
Da outra banada da ecuación, un factor que pode explicar o interese crecente polo ensino da BD é tamén a existencia dunha maior oferta neste campo. Detrás da tendencia pode estar no feito de que, mentres noutros tempos unha grande parte dos autores apostaban por este xénero como un proxecto totalmente amador e altruísta, na actualidade son moitos os que tentan vivir da novena arte ou da ilustración, e dentro deste mundo apostan polo ensino como outra posible fonte ingresos. O rendemento económico que lle achega un obradoiro a un autor pode ser moi superior que o que obtén por cada páxina de traballo. Polo xeral, o prezo dunha destas actividades supera os 300 euros, moito máis do que, segundo recoñecen algúns deles, se obtén por dedicarlle ese tempo ao debuxo. O custo por hora diminúe, como non en formacións máis prolongadas.

Nese sentido, Kiko da Silva sinala que “por vez primeira hai profesionais que poden ensinar a facer banda deseñada en cantidade abonda paraorganizar este tipo de formación. Ao mellor en cada cidade galega atópanse 5 ou 6 persoas con capacidade para dar clase, e ata o de agora non se daba isto”. Concorda Jacobo Fernández ao sinalar que “hai xente que xa ten un tempo como profesionais e síntense coas capacidades para poder transmitir coñecementos”. Aínda que o feito de contarmos cunha xeración de autores na que moitos pasaron pola Facultade de Belas Artes pode ter influído na capacitación dos mesmos para impartir clases, Da Silva considera que o máis importante é a experiencia profesional. “A formación didáctica que tes na carreira é moi escasa. O que dá máis seguridade para dar clase é levar 10 ou 11 anos a traballar nisto, iso permíteche orientar os alumnos e sabes tamén os erros que poden cometer”.

Vocación
Malia á importancia económica que pode supor esta actividade para os autores, moitos salientan o interese vocacional que teñen por impartir clases. “A min gústame moito dar clases, se non fose debuxante eu penso que sería profesor. Para min é algo moi importante, desfrútoo e ata me vén de familia. Ademais, eu penso que quen é debuxante ten xa unha certa tendencia a dar clase, a compartir os seus coñecementos”, lembra Fernández. Pola súa banda, Da Silva sinala que “haberá quen o faga porque o precise, a crise afecta ao sector e supón unha saída laboral máis”, explica Da Silva, quen salienta que “no meu caso foi ao revés. Non tiña esta necesidade a nivel laboral, e investín en formación porque me gusta e é algo que me parece interesante. É tamén unha cuestión de compromiso, parecíame que Galicia precisaba que se puides estudar isto aquí”. En xeral, semella que os debuxantes agradecen a actividade “a experiencia é moi boa e moi agradable cos alumnos”, lembra Gochi. “Logo vés cousas como xente á que lles deches obradoiros que levan algún premio, e sempre resulta moi satisfactorio.

Os efectos: Máis autores, máis dinámica
O máis obvio efecto da proliferación de propostas formativas arredor da banda deseñada há ser a existencia dunha maior cantidade de autores e mellor formados. “Supoño que terá repercusións no futuro. Se xa agora podemos dicir que somos punteiros en calidade e produción a nivel estatal, penso que a partir de agora sairán aínda moitas máis cousas. En cinco ou seis anos eclosionará a xente que se está a formar”, sinala Santy Gutiérrez. Canda a isto, para Da Silva, este fenómeno repercutirá nunha maior velocidade na evolución da novena arte galega. “Antes podían pasar entre oito ou dez anos entre xeracións. Agora vaise ir reducindo isto e xa nin poderemos falar de xeracións. Está a se formar xente de diferentes idades que van sair ao mercado ao mesmo tempo, iso vai diluir a cuestión xeracional”. Ademais “canto mellor sexa a formación, máis posibilidades hai de que se acaben dedicando a isto profesionalmente, aínda que poida que non todos ao 100% do seu tempo. Pero si haberá unha maior cantidade de autores e de autoras”, sinala.

O director do Garaxe Hermético apunta ademais a posibilidade de que isto xere un efecto arrastre en todo o sector da BD. “Canto máis autores haxa, máis sinxelo será que as editoras se arrisquen a publicar en galego. O fenómeno pode ser semellante a cando naceu Kalandraka, que comezaron a xurdir ilustradores e iso deu á súa vez nunha maior produción de libros. Agora o que falta é conseguir que as editoras vaian publicando a cantidade de autores que hai en Galicia”.

Os efectos: grupos e creación colectiva
O efecto multiplicador que ten o ensino de BD vai para alén da propia calidade que poden acadar os diferentes autores. Fernández, desde a súa experiencia, salienta o potencial destas actividades á hora de funcionar como punto de encontro. “Na nosa academia pasou, pero penso que é algo xeral. O ambiente é moi enriquecedor, e nos comiqueiros é moi normal que en se xuntar 4 ou 5 que teñen o mesmo rollo é case natural que comecen a pensar em publicar fanzines. Entón unha academia pode dar con facilidade froitos colectivos, independentemente do qeu cada autor poida facer logo individualmente”. Da súa experiencia saíu o grupo de autores que logo publicou o fanzine Fuck Cómics, canda a algúns nomes que están a destacar no mercado estatal e internacional como María Vilar e Alex Cal.

Os efectos: O futuro da formación
De cara ao futuro específico da formación en novena arte, Jacobo Fernández apunta a necesidade de completar a normalización da BD coa súa incorporación aos ciclos formativos oficiais. “O ideal sería que no ensino oficial houbese unha fórmula que dese resposta á xente que quere aprender cómic, non sei se un grado de FP ou qué”. Da Silva, no entanto, é máis excéptico sobre esta posibilidade. “O grande problema para entrar no ensino público é que as institucións solicítanche titulacións específicas para poder dar clase, pero non existe unha de banda deseñada. Os que teñen a capacidade de ensinar son xente que exerceu de xeito profesional durante anos. Noutros lugares, con esa experiencia xa se pode dar clases. Eu non vexo que desde o ensino público mudase a situación e que haxa interese pola banda deseñada”. Mentres iso non chega, Fernández está convencido de que “seguirá habendo cada vez máis obradoiros e este tipo de iniciativas. Un proxecto como o de Kiko xa é un fito, está por ver se se pode repetir noutras cidades a un nivel tan potente, pero si que está claro que cada día hai máis academias que imparten cómic”, salienta.
A primeira parte da reportaxe: A correa da transmisión do cadriño.