A correa de transmisión do cadriño (I)

As iniciativas de ensino no campo da BD prometen revolucionar o panorama da novena arte galega

Unha mudanza estrutural está a se producir na banda deseñada galega. Logo de anos de se reinventar de xeración en xeración, por vez primeira existe unha oferta formativa importante que permite coñecer os segredos do oficio aos aspirantes a se dedicar a esta arte. Obradoiros, ciclos temporais e mesmo cursos dun ano enteiro vense completados desde hai pouco coa apertura de O Garaxe Hermétrico, primeira escola centrada na novena arte no noso país. Nunha serie de dúas reportaxes, repasaremos a situación e analizaremos posibles causas deste fenómeno.

Unha característica da banda deseñada galega desde os seus comezos foi a reinvención constante do xénero. Os autores aprendían o seu traballo de xeito autodidacta ou emigraban. Xa sen nos remontar aos primeiros traballos publicados no século XIX, totalmente ignorados por autores posteriores, mesmo nos últimos 40 anos non se mantivo unha continuidade na creación da banda deseñada. En xeral, este relativo illamento explica que non se dese unha transmisión a nivel galego, xa non só das obras feitas no país, senón tampouco dos coñecementos sobre como facer banda deseñada, que se adquirían de xeito autodidacta ou indo estudar fóra.

Obradoiros
No entanto, na última década está a se multiplicar a oferta de iniciativas neste sentido. Bibliotecas, centros de ensino ou centros socioculturais están a integrar nas súas programacións obradoiros de creación de novena arte. Nos mesmos, un autor explica as bases da creación da banda deseñada, atendendo a cuestións como a narración, a creación de personaxes, a montaxe da páxina ou o debuxo nunhas actividades que polo xeral teñen unha duración que oscila entre unha hora e media e tres horas. Santy Gutiérrez, presidente da Asociación Galega de Profesionais da ilustración, recoñece a existencia deste fenómeno, e apunta a influencia de determinadas políticas públicas no seu desenvolvemento. “A nivel de obradoiros puntuais, por exemplo, axudou moito o programa Letras Vivas”, que oferta desde 2008 actividades a bibliotecas e centros culturais. Dentro do mesmo atopamos propostas formativas de autores como Gochi, José Tomás, Manel Cráneo, o propio Gutiérrez ou Jacobo Fernández.

Segundo sinala este último estas actividades “cumpren unha función de normalización da banda deseñada. Resultan moi gratificantes e supoñen moita motivación para os alumnos. Os profesores ven que é moi sinxelo introducir con isto outros contidos e todos se van decatando da importancia da BD cando menos ao ver que o 80% dos filmes que ollan, dos videoxogos ou dos debuxos que levan nas mochilas veñen da banda deseñada”. Segundo recoñece David Prieto Gochi, que leva varios anos traballando con este tipo de propostas desde Cerditos de Guinea Cómics, “o tempo non dá para abordalo todo. Tentas achegar os conceptos básicos, pero no noso caso tentamos centrar as sesións nos métodos de traballo e en aprender a debuxar. Sobre todo tentamos explicar os materiais específicos que se utilizan e que non é tan sinxelo coñecer. E logo empregamos moito audioviual, vendo como traballa a xente. Despois os alumnos teñen que botar tempo na casa dedicándose a debuxar e desenvolvendo o seu propio estilo”.

Obras de apoio
O traballo para difundir os segredos da BD está a dar tamén nos primeiros produtos culturais galegos centrados na didáctica desta iniciativa. Xa no seu tempo Xaquín Marín con O ABC do Cómic (1995) ou Agustín Fernández Paz, en Para lermos cómics (1989) e en O cómic nas aulas (1992), abordaran a narrativa e os recuros da BD. En 2007 a asociación BD Banda tirou a exposición e a guía didáctica As bases da banda, destinada a abordar a creación da BD nas aulas dos centros de ensino, e Cerditos de Guinea achega no seu web información sobre material de debuxo ou co Manual de emerxencia de BD co que introduce algúns dos conceptos básicos da novena arte. En 2009 Faktoría K editaba Como facer cómic, de Sergio García e Lewis Trondheim, e en 2011 vía a luz, da man de Rinoceronte, a obra teórica xa clásica Entender o cómic de Scott McCloud, polo que semella que, aos poucos, van chegando aos nosos andeis propostas teóricas encol da banda deseñada.

De obradoiros a ciclos
A proposta dos obradoiros, xa firmemente asentada entre os creadores de BD do país, foi evoluíndo cara a iniciativas máis ambiciosas. Así, xa en 2009 a Asociación BD Banda artellou, en colaboración con diversos autores, un seminario no que ao longo de seis sesións se abordaban diferentes aspectos da creación da BD. No mesmo ano, Gochi iniciaba a súa oferta formativa, que ía desde obradoiros en sesión única ata un curso de doce horas distribuídas en catro días. “Non se solicitaron moito, desde aquela poida que désemos catro ou cinco, mentres obradoiros exprés tivemos 50 ou 60”, apunta.

De ciclos a cursos
Canda a isto, nos últimos tres ou catro anos xorden cada vez máis propostas formativas que ofertan unha duración máis prolongada. Desde 2008 María Vilar imparte un curso anual na Biblioteca de Vigo, e desde 2010 ampliou a súa proposta de formación a unha academia da mesma cidade, onde, canda a Iago Araujo, oferta clases de formación continua a todos os interesados. A estas proposta sumou, este mesmo outono, outro curso que imparte en Compostela, no espazo artístico Bus Station Space. Nos últimos meses, presentouse tamén ¡Catacrok! o curso de creación que impartirá na Coruña José Domingo, e que se prolongará de xaneiro a xuño. Pola súa banda Sergio Covelo desenvolve en Vigo, no Taller Zoográfico, as súas sesións de formación a razón de dúas horas semanais. O autor xa ofertara no seu día un obradoiro centrado no entintado para banda deseñada. A estas propostas súmase tamén Escola ECO, que desde hai tres anos oferta un curso anual de cómic a cargo de José Manuel Fernández de la Reguera e que ampliou a súa oferta este ano cun curso específico centrado no manga.

Pioneiros das academias
Á hora de achegar á banda deseñada ás academias hai que salientar o traballo de Jacobo e de Norberto Fernández, que xa a comezos da década dos 2000 impartiron clases particulares centrada na creación de banda deseñada en Vigo. “Cando acabei a carreira de Belas Artes comecei a dar clase de pintura nunha academia, e alí vin que había xente que se achega a isto pero que ten interese polo cómic”, lembra Jacobo. “Co tempo, o meu irmán puxo alí unha aula para ir dando clase, e tivo moito éxito. Entón optamos por nos independizar e puxémonos pola nosa banda. Era un proxecto pequeno, ao xeito de clases particulares, e tocando tamén un pouco a pintura ou a ilustración”, explica. A iniciativa, obtivo un relativo éxito, “foi moi satisfactorio para nós. Vín xente que entrara alí con 12 anos e que despois continuou en escolas como Joso, en Barcelona ou que seguíu por Belas Artes”, sinala.

A escola
Non cabe dúbida que a apertura, a pasada primavera, da escola O Garaxe Hermético en Pontevedra, supón un novo fito na evolución que o ensino arredor da banda deseñada está a sofrer. O proxecto achega un ciclo de tres anos a quen queira facer da creación de cómic o seu oficio. Con Kiko da Silva como director, a escola propón clases catro días á semana ou en formato intensivo venres e sábados. Debuxo e cor manual e dixital, narración, guión ou mesmo xestión económica e de dereitos de autor son algunhas da materias que se imparten no centro.“Ata o de agora a maioría dos cursos que se deron foron máis de iniciación, para xente que podía ter a BD como unha afección. Logo a nivel universitario a BD tratábase no campo da edición ou da formación de mestres. É agora cando comeza a haber propostas para formar profesionais”, apunta Da Silva. “Isto ata o de agora só se podía aprender como autodidacta, e ese mesmo feito facía que moita xente se queimase, ao tardar moito tempo en aprender os mecanismos da profesión. Isto tamén influía na profesionalización do sector”, lembra. No seu primeiro ano, o centro acadou encher as prazas do horario de fin de semana e case completou as que se dan entre semana, unhas cifras de ocupación que se repiten polo xeral nas aulas maxistrais e nos seminarios que se imparten. A grande dedicación de tempo e o investimento monetario necesario para se inscribir nalgunha destas iniciativas fai pensar en que está a xurdir unha demanda que busca dominar os recursos da novena arte con vistas a se dedicar de xeito profesional a ela. En todo caso, o director da escola apunta que “é unha necesidade que non xorde de agora, senón que leva moito tempo aí. Coñezo casos de xente que foi a Madrid ou a Barcelona a se formar”

Para profesionais
Nese sentido, canda a formación para xente que se inicia no mundiño, tamén está a aparecer unha oferta máis especializada na forma de clases maxistrais, un campo que desde a súa apertura xa abordou O Garaxe Hermético, con autores como Álvaro Ortiz, Sergio Bleda, David Rubín ou José Domingo entre outros, e que completou recentemente cun seminario anual a cargo de Miguelanxo Prado. Segundo recoñece Santy Gutiérrez, os propios profesionais “estamos en constante reciclaxe, acudindo tamén a cursos ou clases maxistrais”. Estas propostas contan con antecedentes no país como as que impartiron no Salón do Libro de Pontevedra de 2009 con Pasqual Ferry, Max e Miguel Rocha, ou este mesmo verán en Viñetas desde o Atlántico, con autores como Bartolomé Seguí, Rubén Pellejero ou Frank Quitely, nunha iniciativa que semella terá continuidade no seo deste festival.

Non só para nenos
E é que, se ben o feito de que os obradoiros se celebren polo xeral en bibliotecas e centros de ensino fan que haxa unha importante presenza de menores de idade entre o alumnado, o interese por se achegar ao proceso de elaboración da BD atinxe a xente de moi diferentes idades. “Na escola estamos a ver moitísima demanda de adultos pero moi pouca de nenos”, recoñece Da Silva, que acolle un alumnado con idades que oscila entre os 18 e os 35 anos, un rango que confirma María Vilar nos seus cursos.

Perspectivas
Malia ás boas perspectivas que, de xeito xeral, semella ter a oferta formativa no campo da BD, Gochi alerta do risco de diminución de moitas destas actividades. “A crise déixase notar moito. Este ano a contratación de obradoiros desde centros de ensino e bibliotecas caeu moito, nós traballamos un 70% menos. Nese sentido, resulta un problema o feito de que boa parte dos recursos para estas actividades veñan de cartos públicos”, explica. De cara ao futuro, “non vexo moita luz, poida que outra xente estea a ter máis sorte, pero a min paréceme difícil soster o volume de formación só con investimento privado”. Da Silva, pola súa banda recoñece que “a crise non axuda” a este sector, e apunta que “como ensino privado temos o handicap de ter que pagar un 21% de IVE, e iso sempre prexudica ao alumnado. Penso que non ten lóxica que estudar inglés non teñan ese custe de impostos e unha formación artística como a da BD si que o teña”.

Encol das múltiples causas que poden explicar este fenómeno, e do xeito no que pode mudar o panorama da banda deseñada do país, falaremos nunha vindeira reportaxe.