Pontevedra acollerá o congreso sobre Valentín Paz Andrade

A Academia organiza o evento que se prolongará do 13 ao 15 de decembro

O Pazo da Cultura de Pontevedra albergará entre o 13 e o 15 de decembro vindeiros o congreso que a Real Academia Galega lle dedica á figura de Valentín Paz Andrade. O evento fecha as actividades dedicadas ao homenaxeado no Día das Letras este ano e contará con relatores como Ramón Villares, Ana Acuña, Darío Villanueva, Manuel Rivas, Xesús Alonso Montero, Camilo Nogueira ou Ánxel Vence entre moitos outros. Segundo sinalou Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG, para alén de repasar a importancia do traballo do homenaxeado o encontro pretende analizar os seus aspectos menos coñecidos, como o labor de crítico literario. Ademais tratarase de xeito especial o interese de Paz Andrade por incrementar o contacto das culturas galega e portuguesa.