O Morcego bebe tequila

A función do tequila iniciará a xira que o levará por diferentes localidades portuguesas

Catro actores do escenario, unha escenografía moi traballada, unha selección musical destacada e unha iluminación que envolve a atmosfera de misterio e opresión que precisa unha obra de espías, coa causa republicana de pano de fondo. Teatro do Morcego sae do seu rexistro cómico para poñer sobre as táboas A Función do Tequila, un texto co que Manuel Guede levou o premio Rafael Dieste, e que iniciará xira por Portugal.

Hai en A Función do Tequila dúas particularidades que destacan dentro da traxectoria de Teatro do Morcego. A primeira, que asume un drama con retazos de thriller policíaco. “Non é un texto dos habituais da compañía que se move noutros parámetros pero lin o texto, coñezo o teatro de Guede, a proposta parecíame interesante e asumible” explica Celso Parada, responsable de Teatro do Morcego. A outra, que a estrea desta montaxe (28 de xullo de 2012) non foi en Narón, onde a compañía ten a súa sede, senón en Rianxo. “Foi como unha especie de homenaxe a Dieste e a Castelao, con vencellos claros na obra, que naceron en alí”. Desde entón a obra leva case unha vintena de representacións por toda Galicia e, malia que faltan algunhas citas galegas, xa teñen os ollos postos nunha xira que os levará por diferentes localidades portuguesas.Ademais, en breve tamén se publicará o estudo da obra feito por Inma López Silva.

A montaxe
Manuel Manquiña, Santiago Fernández, Luisa Merelas e Elina Luaces protagonizan esta montaxe que parte de feitos reais, para construír unha trama que mestura realidade, ficción e deixa oco para abrir novas hipóteses. “É unha obra principalmente de actores” puntualiza Celso Parada, que destaca a figura de José García Nieto, O Jalisco. Manuel Manquiña sae do seu rexistro habitual para poñerse na pel dun asasino reincidente que conta a súa versión da historia. O protagonista veuse envolto nunha trama política tras asasinar, entre outras, á suá primeira muller, María Docampo, secretaria de Castelao en Nova Iork, cando este se atopaba recadando apoios para a causa republicana e que resutou ser unha axente do “Servizo de Intelixencia Americano”, destinada a espiar ao intelectual galeguista.