Eleccións culturais (2)

A lingua e as industrias culturais centran as reclamacións de distintas entidades na campaña

| Santiago. Redacción | Seccións: Cultura
Compartir:
Eleccións culturais (2)

Unha característica importante da actual campaña electoral é unha presenza pública da a sociedade civil no ámbito da cultura e da lingua moi superior do que noutras convocatorias. Entidades como A Mesa pola Normalización, A Asociación de Escritores, A Asociación Internacional de estudos Galegos ou a Fundación Premios da Crítica emitiron chamamentos, cartas ou manifestos reclamando aos partidos que concorren aos comicios atención diversos aspectos da nosa cultura.

A lingua centra unha boa parte das reclamacións e propostas que estas entidades realizan aos diferentes concorrente. E non podía ser menos, cando ata tres colectivos que centran o seu traballo neste ámbito, A Mesa pola Normalización, Prolingua e a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística abordaron esta cuestión. Tamén se referiron a ela nas súas reivindicacións entidades coma a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Fundación Premios da Crítica, que puxeron o acento das súas reclamacións na necesidade de apoios para manter e desenvolver as nosas industrias culturais e creativas.

A Mesa
Non é a primeira vez que Mesa pola Normalización apela aos cidadáns a ter en conta as accións de política Lingüística no seu voto. Desta volta, puxo en marcha a campaña Alberto Núñez Feijóo non merece ser reelixido, na que denuncia as agresións que, ao seu ver, sufriu a lingua galega por parte da Xunta na última lexislatura. A exclusión da nosa lingua en materias de ciencias no ensino, os gastos derivados da aplicación do decreto do plurilingüismo, o feche de medios de comunicación na nosa lingua, ou retirada de libros de texto son algúns dos agravios que recolle o texto deste colectivo que considera que “o galego é a lingua máis desprotexida o Estado Español”.

Fundación Premios da Crítica
Non é tan habitual o chamamento que fixo a Fundación Premios da Crítica a partidos e organizacións política. A salientar a importancia económica do sector cultural, esta entidade reclama a necesidade de apoio público á mesma, ademais de denunciar “a situación crítica, que sabemos de auténtica emerxencia que “de non se lle poñer remedio, acabará destruíndo boa parte do noso tecido cultural” e pode dar nun “auténtico desmantelamento da nosa identidade”. Sen citar culpables, recoñecendo o fondo impacto que ten a crise neste sector, a Fundación lamenta “que nalgunhas instancias da vida económica e política aínda subsista a miope consideración da cultura como un mero ornamento” e denuncia “os agresivos recortes nos orzamentos” tanto da Xunta como de administracións locais, ao tempo que amosa a súa preocupación pola redución de investimentos culturais das caixas. De xeito máis concreto, e con vistas a “un novo modelo de financiamento sostible” e un “funcionamento profesional e autónomo, independente das mudanzas políticas” para o sector, reclaman a aprovación dunha Lei do Mecenado e mais da elaboración dun “Plan estratéxico para a Cultura Galega (2013-2023)” que teña en conta os diferentes sectores involucrados.

Prolingua
Tamén é nova a intervención da plataforma ProLingua. A coincidir coa súa asemblea, este colectivo elaborou unha carta ás formacións políticas na que denuncian abertamente que, “durante os anos destas lexislatura”, “vimos como se estragaban e deturpaban moitos dos avances que traballosamente se foran acadando”. Ademais, arremete contra “o goberno do presidente Nuñez Feijóo” que “esfarelaba con teimosía os consensos básicos”. En canto a reclamacións, boa parte dos puntos que propón a plataforma inciden na necesidade de garantir o coñecemento e o emprego da nosa lingua por parte de políticos e de empregados públicos, introducindo probas nas oposicións e fornecendo programas e material que faciliten a presenza da nosa lingua na administración. Condicionar as axudas públicas a medio de comunicación á política lingüística dos mesmos, promoción preferente de industrias culturais en galego, campañas contra os prexuízos por mor da fala e medidas de apoio á galeguización de comercio e industria son outras propostas do documento.

Equipos de Normalización
Coincide Prolingua coa Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, (CGENDL) que agrupa estas entidades, en reclamara a derrogación do Decreto do Ensino Plurilingüe, xa que o consideran prexudicial para a nosa lingua. Concordan tamén nas reclamacións de medidas que garantan o emprego do galego na administración, no apoio a medios na nosa lingua ou no desenvolvemento de campañas de concienciación social. Dun xeito máis concreto reclaman o desenvolvemento de programacións específicas en galego para os máis novos ou a reconversión de Radio Galega Música nunha canle centrada en grupos e solistas na nosa lingua. Como era de Agardar, as reivindicacións deste último colectivo céntranse na presenza da nosa lingua no ensino. Materiais para o proxecto Abalar, liñas de galego en Educación Infantil, programas integrados de linguas, introdución do portugués como materia optativa, programas formativos e o apoio ao traballo dos Equipos de Normalización son algunhas medidas que propoñen neste sentido. A un nivel máis amplo, a CGENDL sinala a necesidade de buscar un consenso que exclúa a lingua da loita partidista.

Escritores
Tamén debuta nas reclamacións políticas a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Co título “Polo dereito a sermos escritores en lingua galega”, o colectivo reclama, e consonancia con boa parte das entidades xa sinaladas, que “a literatura, e o idioma que a expresa, debe ser comprendida como un factor de desenvolvemento sociocultural”, así como un “apoio efectivo aos medios de comunicación en galego”. A denunciar “a asfixia económica” que “pode levar á invisibilización e á ilegalización social” do tecido e das industrias culturais, os autores amosan a súa preocupación “polo progresivo deterioro tanto do prestixio social como do uso oral e escrito” da lingua.
este colectivo reclama unha maior dotación económica para estes sectores, ao tempo que incide na necesidade do ensino do galego e en galego, recuperando para a nosa lingua materias escolares que hoxe se están a dar en castelán. Ademais, reivindican políticas de achegamento e visibilización das nosas letras no conxunto da sociedade mediante un plan de lectura. De xeito máis concreto, os escritores reclaman a recuperación da Consellaría de Cultura, que debería contar, para eles, dunha Dirección Xeral do Libro. Canda a isto apostan pola creación do debatido Instituto centrado na promoción exterior da nosa cultura, e a “recuperación e posta en valor dos premios nacionais da cultura”. A presenza en feiras internacionais, o apoio ao teatro, un plan director da cultura e a apertura e transformación do Panteón de Galegos Ilustres nun espazo público mediante a expropiación da Igrexa de Bonaval son outras das súas propostas.

Asociación de Estudos Galegos
Aínda que sen facer un chamamento directo de cara ao proceso electoral, a Asociación Internacional de Estudos Galegos pronunciábase en plena precampaña contra a política cultural do actual goberno de Xunta. O informe de xestión deste colectivo que se leu no feche do seu X Congreso, o pasado 14, e salientaba a falta de apoio da Xunta ás actividades da “única asociación de estudos galegos no mundo” e apunta que non obtiveron respostas ás súas solicitudes. Ao tempo, denuncian o “clima político e nun contexto de recurtes xeralizados e menos apoio institucional” e sinalan que “non tivemos outro remedio, dadas esas circunstancias tan prexudiciais para a lingua, cultura e realidade galegas que son o obxecto e enfoque da nosa disciplina tan multifacética, ca o de declarar publicamente o noso malestar coas políticas lingüísticas e culturais do goberno actual”.

Paz e ecoloxismo
Tamén achegaron propostas o Seminario Galego de Educación para Paz, con propostas a prol do diálogo intercultural e reclamando a aprobación da Lei de Fomento de Cultura da Paz en Galicia, xa presentada no Parlamento na anterior lexislatura. A introdución desta cuestión nas escolas, coa creación dunha Rede de Escolas Espazo Cultura de Paz e medidas a prol de melloras na convivencia escolar son outras reclamacións deste colectivo. Tamén os colectivos ecoloxistas ergueron a súa voz na campaña cun Programa pola Terra que asinaron conxuntamente ADEGA, Amigos da Terra, Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Nos vindeiros catro anos veremos se escoitaron estas voces.

Que che parece esta nova?
53 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito