Dramaturxias contemporáneas

Il Maquinario Teatro debuta cunha obra que afonda nas consecuencias da violencia

Un escritor de contos infantís con ganas de notoriedade é arrestado e interrogado pola conexión entre as súas historias e unha serie de crimes e desaparicións de nenos da zona. Este é o argumento de O home almofada, a carta de presentación ao público de Il Maquinario Teatro, unha das últimas compañías en irromper na escena galega.

Tito Asorey, director e promotor deste proxecto, explica que “queriamos crear algo específicamente noso, un teatro comprometido e arriscado e arrincamos cunha obra que afonda nos totalitarismos e nas consecuencias dunha educación baseada na violencia”. O texto que adaptan para a obra é ben coñecido do público galego, xa que Producións Teatrais Excéntricas xa adaptou varias pezas do autor irlandés Martin McDonagh. "A peza, a diferenza de outras do mesmo autor, non se sitúa nun ambiente irlandés rural, senón que o fai nun estado totalitario ficticio". explica Asorey. Na súa opinión, as características definitorias desta montaxe é que se trata dun traballo rápido, con ritmo, pero que tamén ten tinturas cómicas, “ese humor tan negro que teñen os textos de McDonagh”.
Tito Asorey, considera que o enfoque que lle confiren ás súas obras non o poderían ter feito antes de formarse na Escola Superior de Arte Dramático. Esa é outra das particularidades dos integrantes desta compañía, que todos se titularon na Escola de Arte Dramática e comparten un mesmo saber. Pero non é a única, porque grazas á cobertura que a produtora ourensá Xingreira lles facilitou, os cinco integrantes da compañía puideron apostar por un modelo de produción diferente, con nove meses de ensaio.

Teatro e educación
A primeira montaxe desta compañía aborda como, no contexto dun ambiente totalitario, a violencia baseada na educación xera aínda máis violencia. E esa temática gustoulle aos responsables das concellarais de Educación e de Xuventude de Ourense que se implicaron financeiramente na produción. Deste xeito, a obra participará no programa “Novos teatros, novos espectadores” que se desenvolve nos institutos ourensás ao longo do mes de decembro. Alén das función tamén desenvolverán obradoiros paralelos sobre violencia e xuventude que completan unha liña de traballo didáctico que Asorey recoñece lle gustaría fora unha das liñas de traballo futuras. “Alén da investigación da dramaturxia contemporánea, gustariamos de facer proxectos dramáticos moi relacionados co eido didáctico, pero non só en galego senón tamén noutros idiomas”.


Ficha artística
Katurian: Melania Cruz
Michal: Laura Miguez
Ariel: Fernando GOnzález
Tupolski: Fran Lareu

Ficha técnica
Espazo escénico: LUis Iglesias "Luchi"
Deseño de iluminación: Tito Asorey
Deseño e realización de vestiario: Yaiza Pinillos
Deseño gráfico: JOse Lameiras
Tradución: Manuel Vieites
Dramaturxia e dirección: Tito Asorey
Dosier de "O home almofada".