Unha mostra da Fundación Barrié recolle os traballos realizados por Picasso durante a época en que viviu na Coruña

O Picasso da Coruña

Entre 1891 e 1895, A Coruña sería o escenario do espertar artístico dun xenio. Aínda que non moita xente o sabe, os anos da pubertade de Pablo Ruíz Picasso desenvolvéronse nesta cidade. A Fundación Barrié recupera agora na exposición “El Picasso joven” a súa producción desta época, obras dun rapazolo que estaba a adquirir a formación académica que despois rexeitaría. Onda estas pinturas poden verse mostras do período de formación de Picasso, que amosan as evolucións da arte do xenio ata 1907. Pola súa banda, o Concello da Coruña abre o Museo Casa Picasso, un centro cultural no domicilio que ocupou a familia do pintor.




En 1891 chega á Coruña procedente de Málaga José Ruíz Blasco, o novo profesor da Escola de Belas Artes. Con el veñen a súa esposa e os seus tres fillos. O maior deles é Pablo, de dez anos, que iniciará axiña os seus estudios de segundo ensino no Instituto Da Guarda da Cidade Herculina. Só un ano despois matricularíase na mesma escola na que ensinaba o seu pai, que intuía e alentaba as aptitudes pictóricas do pequeno. O academicismo de José Ruíz marcaría as primeiras obras artísticas de Picasso, que cos seus compañeiros de aula víase na obriga de estudiar as perspectiva e as técnicas e a copiar unha e outra vez todo tipo de modelos.



Obras pequenas

Durante os tres anos seguintes, Pablo produciría unha multitude de obras e de estudios, en moitas ocasións reutilizando os lenzos. Ademais dos obrigados exercicios da Escola de Belas Artes coma “Cabeza de fauno” ou “Torso” xa realizaba daquela os primeiros retratos, un xénero no que sobresaía especialmente. Deste xeito quedaron para a posteridade imaxes do médico Pérez Costales, un dos que mais apoiaban a afección artística do pequeno, ou de membros da familia coma a súa irmá ou mesmo o seu cadelo Clipper. Os críticos sinalan que nestes retratos pode verse a influencia na composición do pintor compostelán e profesor da Escola de Belas Artes, Isidoro Brocos. Tamén a paisaxe coruñesa, en obras coma “Marina” (na que se pode ver a Torre de Hércules), sería un dos seus temas recorrentes nestes anos.



O comezo dos temas

Chama a atención na producción desta época a preocupación que sente Pablo polos personaxes marxinais da sociedade, como poden ser as clases máis pobres, os mendigos ou os anciáns. Obras coma “Mendigo con gorra” (un cadro que acompañaría ó pintor grande parte da súa vida), “La fillette aux pieds nus” ou “Retrato de viejo” sinalan o comezo do interese do artista polos excluídos da sociedade. Chamaban a curiosidade de Picasso tamén os personaxes típicos galegos, e así cara a 1895 pintou os “Aldeanos gallegos” ou o “Perfil de mujer gallega”, no que se ve unha muller ataviada ó xeito tradicional no país. Tamén aparecen na etapa coruñesa debuxos e pinturas de animais, destacando especialmente a obras sobre paxaros (“Buitre”, “Cinco pájaros”) e algunha na que aparece a figura do touro, unha das que despois máis empregaría o pintor.



Os xornais

Cando tiña trece anos , Picasso realizou dúas tentativas de xornais feitos na casa. Por unha banda realizou nas vacacións de verán de 1893 “La Coruña”, un xornal manuscrito no que retrataba con humor a actualidade da cidade. Deste xeito inventa un cartel no que se pode ver un bosquexo para unha Torre de Hércules de Caramelo ou unha ilustración sobre “como se bañan los de Betanzos”. O rapaz caricaturiza burgueses, soldados e damas, e mesmo lle queda espacio para sinalar o pouco común que é ver corridas de touros en Galicia. En outubro dese mesmo ano realizou “Azul y blanco”, unha revista que ten na súa portada os debuxos dos tubos de pintura que empregaba o pintor. A este número seguirían durante o outono dese ano dous máis, e aínda habería outro datado no Nadal de 1895. Picasso faría aínda outro xornal, “Torre de Hércules”, no que de novo amosaba o seu enxeño e humor á hora de tratar a realidade.



As técnicas

A variedade técnica é unha característica esencial a estes primeiros anos. Desde o lapis chumbo e a acuarela sobre papel con que debuxou unha barca, ata o óleo sobre lenzo de “Retrato de viejo” ou sobre táboa en “Mendigo con gorra”, pasando pola acuarela sobre papel de “Aldeanos gallegos”. Hai que ter en conta que moitas destas obras non pasan da categoría de bosquexos, realizadas con precariedade de medios e como simples ensaios para perfeccionar a habilidade pictórica. Sen embargo, pode verse en moitos dos retratos máis elaborados o xeito en que o mozo pintor vai soltando a súa pincelada e distánciase lixeiramente do ríxido academicismo no que se educa e no que o seu pai o quería ver triunfar.



A marcha

En 1895 realízase a primeira exposición pública das obras de Picasso, que chegou a ser reseñada eloxiosamente nun xornal da cidade. A tenda de mobles de Joaquín Latorre na Rúa Real amosa dous estudios de cabeza, e nunha tenda de paraugas da mesma rúa pode verse o “Mendigo con gorra”. É marzo de 1895. Dous meses antes morría Concha, irmá de Picasso, por difteria. En abril José Ruíz trasladaríase a Barcelona a tomar posesión da praza de profesor da Escola de Belas Artes. A familia continuaría na Coruña ata o final do curso académico, cando iniciarían a viaxe onda o proxenitor. Remataba así un período crucial na vida de Picasso, que el mesmo consideraba moito máis interesante artisticamente que a súa posterior formación en Barcelona.



A mostra e a casa

En 1970 fíxose a doazón que levou ó Museo Picasso de Barcelona a maior parte das obras da etapa coruñesa do pintor, que ata entón se conservaban na Cidade Herculina. Aproveitando o peche temporal deste centro en 2002 e recompilando obras de coleccións públicas e privadas de todo o mundo, a Fundación Barrié vén de inaugurar a mostra “El joven Picasso”, que recolle os corenta e cinco traballos que se conservan da etapa herculina do pintor. Onda eles, poden verse obras que percorren todo o período de formación do pintor, ata 1904, cando expón “Las señoritas de Avignon” e pasa a ser o líder das vangardas pictóricas. Un total de cento corenta e catro cadros que retratan a evolución dun Picasso que comeza no academicismo e que se vai distanciando del ata rachalo totalmente. Pola súa banda o Concello da Coruña abre, coincidindo con esta mostra o Museo Casa Picasso, situado no domicilio que ocupou a familia durante os seus anos na Coruña e que fai un percorrido polos anos herculinos do pintor ó tempo que amosa como era a cidade daquela.