Comeza en Pontevedra o II Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Para os nenos

| Santiago.Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

Un recital de poesía realizado por pontevedreses de tódalas idades e condicións marcou o comezo do II Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil na cidade do Lérez. Exposicións, obradoiros, cursos, conferencias e encontros cos autores serán as actividades que ocuparán Pontevedra ata o día 17. O tema central desta edición será a poesía, baixo o título "O ritmo da palabra".


Recital de inauguración


No recital que serviu de punto de partida do Salón participaron pontevedreses de toda clase e condición, desde xornalistas, escritores e personaxes públicos ata nenos e maiores de todas as idades. Entre os máis recitados estivo Celso Emilio Ferreiro, de quen o propio alcalde, Fernández Lores, recitou o poema "Irmaos".


Actos de mañá e de tarde


Tódalas mañás, desde o luns ata o venres, haberá sesións de contacontos e obradoiros de ilustración no Pazo da Cultura. O sábado, desde as doce da mañá, haberá un concerto de música tradicional e un recital de poesía a cargo de Antón Castro. O domingo, teatro no mesmo horario. A partir das seis, cada día da semana celebrarase un encontro cun autor de literatura infantil e xuvenil, e paralelamente a eles impartiranse tres cursos sobre a poesía e a súa relación co teatro, a música, a ilustración e os títeres. O sábado ese horario estará ocupado por unha sesión de música e contos.

Á noitiña


As oito e media da tarde celebraranse o luns e o venres as conferencias de Alice Vieira "Escribir para rapaces" e de Manuel María "Poesía para rapaces". O mércores á mesma hora Bartolomé Ferrando presentará o seu espectáculo "Poesía para os ollos e os oídos". O sábado ás dez será a hora do concerto de Luis Pastor. Pola súa banda, o espacio cultural Camawey acoollerá sesións de contos o xoves, o venres e o sábado.

Que che parece esta nova?
33 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito