O Concello de Vigo presenta nunha exposición unha parte da recuperación do arquivo Pacheco

A memoria revelada

Son a historia da cidade de Vigo. Instantáneas que retratan unha rúa Príncipe na que pasaba o tranvía a principios do século XX, concursos de mises na cidade olívica ou simplemente retratos anónimos de encarga. Os obxectivos de Xaime de Sousa Pacheco (1878-1954) emulsionaron a varias xeracións e as súas fotografías serven de referente para recordar a un concello de Vigo cando tiña menos de 11.000 habitantes. Un traballo que está en fase de dixitalización e que dá orixe a unha mostra que se inaugurou o sábado na Casa das Artes viguesa.

O arquivo Pacheco, ademais da súa importancia sociolóxica, ten tamén unha importancia numérica. Durante os case 50 anos que estivo á fronte do seu arquivo (asociouse coa viúva de Prósperi en 1907, e pasa a ter o estudio en propiedade en 1915) as súas cámaras, obxectivos e obturadores foron un referente da fotografía en Vigo. E isto suma un número que ronda as 60.000 probas, aínda que unha boa parte da producción que Xaime Pacheco realizou desde que chegou a Vigo a principios do século XX xa se ten perdido. Uns fondos que a familia de fotógrafo vendeu ó concello en 1991 e sobre os que se leva traballando durante máis dun ano na súa dixitalización. Un traballo minucioso que pasaba por unha primeira fase de limpeza para logo fotografarse con cámara dixital. Os negativos, que constitúen unha boa parte do arquivo escanábanse directamente. O resultado final son as imaxes dixitalizadas acompañadas dunha ficha técnica. Durante este mes de decembro continuarán os traballos de catalogación que se completarán en xaneiro.



De momento, o traballo de recuperación e de difusión de todo o arquivo Pacheco tamén se poderá comprobar “in situ”, nunha mostra que se inaugurou este sábado na Casa das Artes coa colaboración da Fundación Caixa Galicia. Unha escolma de 130 fotografías realizadas por Pacheco desde 1910 a 1940, e abranguen escenas da vida viguesa de época e algúns retratos, entre os que se destacan o de Carlos Maside, Ramón Cabanillas e o máis coñecido de Castelao. Unha mostra que xa levantou certa expectación e que xa está confirmado que se levará a Oporto, Madrid e Sevilla e no que non se descartan novos destinos (como Francia e Alemania). Ademais, esta mesma mostra dará tamén forma a un libro sobre a vida e obra de Xaime Pacheco.



Unha ollada ó pasado


Entre as miles de fotografías que se conservan de Xaime Pacheco hai eventos sociais, citas deportivas, visitas de personaxes ilustres, feitos históricos e centos de fotografías de xente anónima que acudía ó seu estudio (sito na Calle Príncipe) nese exemplo de “foto testemuña”, un anaco de realidade plasmado en papel, que toda familia burguesa ateusoraba contra o paso do tempo. Por iso a importancia destes fondos: como valor histórico e a súa función social. Pacheco chega a Vigo cando a cidade a penas contaba con 11.000 habitantes (hoxe ten 300.000) e Lavadores e Bouzas eran concellos independentes, cando por Príncipe, Policarpo Sanz ou pola Porta do Sol pasaban menos de 30 coches e un tranvía. Pero ademais, da memoria histórica, é tamén a memoria social, de toda a función social que o retrato connotaba. Herdeiros da tradición do retrato iniciada polos fotógrafos Nadar e Disderi a finais do século XIX, Pacheco soubo acoller en Vigo toda a necesidade de plasmarse a si mesmos como símbolo do progreso (as fotografías viñan a relevar a función que desenvolvía antes a pintura nas clases burguesas, ata que se estandariza e se populariza co que todo o mundo pasa a ter unha fotografía). Pero sobre todo coa finalidade de ser unha “fotografía- testemuña”, unha mostra de satisfacción da representación da realidade. De aí a gran cantidade de fotografías anónimas que forman parte dos fondos.



Xaime Pacheco


Xaime de Sousa Guedes Pacheco naceu en Portugal en 1878, aínda que de novo se trasladou a Ourense, onde aprendeu o oficio da fotografía da man do seu irmán (con que tamén se formaría Luis Casado – Ksado-). De todos os xeitos, dentro da actividade fotográfica de Pacheco hai un oco que é o que comprende entre 1900 e 1905, onde seducido polo invento dos irmáns Lumiere se asocia a José Gil (relación que duraría uns meses soamente) e se dedica ó mundo do cine, viaxando por aldeas galegas e portuguesas. En 1905 volve ó mundo da fotografía e un ano máis tarde asóciase coa viúva de Prósperi (italiano que chegara a Vigo en 1870 cunha compañía dramática) e comeza o seu traballo fotográfico. Á morte desta en 1915 o estudio pasa a ser propiedade exclusiva del e que se encargará fundamentalmente do traballo de estudio (que socialmente tamén era o mellor valorado), pero no que tamén hai fotografías de exteriores (Pacheco era remiso a introducir focos de luz artificial) xa non só de Vigo senón tamén dos arredores. Así ata 1954, ano no que morre, herdando o seu estudio o seus fillos Alberto e Xaime. Coa morte de Xaime Alberto e a súa filla Susi foron os encargados de seguir co estudio familiar que pecharía as súas portas en 1994, moi lonxe do esplendor e a popularidade que tivera anos atrás.