Os outros camiños da creatividade

As xornadas Canles Alternativas de Creación revelan a pegada destes procesos na configuración da arte en Galicia

Desde os anos 70, o mundo da creación en Galicia veu sufrindo un proceso de progresiva institucionalización en Galicia. Museos, galerías e centros de arte configuraron nestas décadas un panorama profesionalizado e normalizado coas súas canles de mercado, crítica e de expresión. No entanto, de xeito paralelo a este fenómeno, naceron e mantéñense múltiples iniciativas á marxe da oficialidade. A pasada semana, das xornadas Canles Alternativas de Creación analizaban no Centro Galego de Arte Contemporánea, a historia e a importancia deste movementos

O encontro xa tivera unha primeira edición no pasado ano e fai parte do traballo do proxecto de investigación Canles alternativas de creación experimental. O eixo atlántico (1975-2012) do grupo de investigación Arte e Estética Contemporáneas, da Universidade de Santiago de Compostela. Segundo explica Daniel López Abel, un dos coordinadores do evento, “Hai un ano abordamos a cuestión desde unha perspectiva máis teórica. Agora queriamos facer unha revisión histórica destes movementos”. O encontro abordou ámbitos como as artes escénicas da man de Xesús Ron ou os movementos colectivos nas artes plásticas con investigadores como María Luísa Sobrino ou Miguelanxo Rodríguez e con creadores como Antón Patiño ou Antoni Mercader, prestando atención a este tipo de iniciativas en Portugal ou Cataluña.

Dúas épocas
Segundo resume López “vemos que estas formas de se organizar en espazos e grupos independentes, non relacionadas co institucional ou co oficial, danse en dúas épocas concretas. Hai un movemento moi forte nos anos setenta, que se dá en todos os ámbitos da creación. Diferentes artistas agrúpanse e montan o seu propio lugar. Isto pódese detectar en focos coma Nova York ou París e chega a periferias como é Galicia”. É o momento no que atopamos no noso país traballos como o do colectivo Gadaña, que despois daría pé ao movemento Atlántica, os colectivos primeiros de creación de banda deseñada, como era o Grupo do Castro ou mesmo proxectos multidisciplinares como o Brais Pinto. Canda a isto “constátase que desde comezos da década dos 2000 está a se recuperar esta actividade colectiva, o traballo en grupos. Aquí xa se detecta a importancia do traballo en rede e a importancia de Internet”, sinala. O evento contou coa presenza dos proxectos Alg-a lab, FAC Peregrina, Summer of Labs ou El Halcón Milenario, que exemplifican o tipo de iniciativas actuais no ámbito da autoorganización arredor da arte.

Semellanzas e diferenzas
“Nós tentamos analizar estas dúas épocas e as pór en diálogo”, advirte López. Malia ás semellanzas, tamén se poden atopar paralelismos nestes dous momentos históricos da nosa arte. “Nos anos setenta facíase moi evidente o esforzo político por se posicionar como un contrapoder. No canto disto, os grupos nados a partir de 2000 aínda que en ocasións tamén toma posición política, polo xeral presentan motivos máis vencellados ás trabas de tipo administrativo. Enfróntase ao xeito no que funciona á sociedade a nivel de sistemas burocráticos, a unha perspectiva estruturada e formal de mais. Hai formas artísticas que precisan de actividades informais, flexibles e rápidas. O xeito de traballar constitúese como unha política diferente a nivel organizativo”. A ese respecto, Miguel Anxo Rodríguez, o outro coordinador do evento, apunta que “se dá sobre todo unha coincidencia entre estes dous momentos no xeito de traballar, sobre todo a nivel da colaboración persoal e da capacidade para xerar unha comunidade cohesionada ao seu arredor. A ese nivel, este tipo de iniciativas presentan unha especial capacidade de chegar ao seu contorno, a pequena escala pero cunha intensidade maior”. A crise económica ten tamén os seus efectos sobre a proliferación de propostas neste campo na actualidade. “Algúns temos bastante claro que moitas propostas de autoorganización para solucionar problemas do seu quefacer diario ten máis que ver coa precariedade global do mercado laboral do que coa situación das institucións. Os artistas organízanse igual que se poden organizar os informáticos, os biólogos ou calquera outro sector”, explica Daniel López.

A arte que se quere
Ao tempo, nos anos 70 reivindicábanse espazos de creación e de contacto coa arte. “Falamos dun momento no que o contexto institucional era practicamente inexistente tanto en España como en Portugal. Entón os colectivos reclamaban museos e centros dedicados á arte contemporánea e que nas facultades se lle prestase atención ao que se estaba a producir no resto do mundo”, lembra López. Na actualidade, ao ver deste investigador, “as institucións recolleron esta demanda, pero agora os creadores comproban que non era exactamente iso o que querían. Mesturáronse as estruturas internacionais cunha visión produtiva encol da arte, sobre todo co esforzo no Estado Español de vencellar produción cultural e turismo. Canda a isto, todo o sistema de subvencións xerou unha estrutura que non se axeita ás dinámicas de creación”.

Clasificar
Investigar este tipo de procesos implica en moitos casos abordalos ao xeito da historia oral, indo de fonte en fonte e aproveitando os recordos e a documentación que os propios protagonistas destes proxectos atesouran. “Falamos de cousas informais e eventuais. Polo de agora, por sorte, moita da xente continúa aí para lles preguntar e gardan material”, explica López. Canda a isto, apunta aínda outra dificultade. “Ao se tratar moitas veces de propostas informais é difícil que se adapten a tentativas de catalogación de carácter científico”, explica. Por exemplo, posibilidade de abordar algún tipo de clasificación por xéneros implicados fica totalmente desbotada. “É moi común neste tipo de actividades a mestura de disciplinas. Nos anos setenta houbo movementos que reunía a xente do mundo do gravado ou da ilustración e a banda deseñada, pero foron incorporando xente de poesía, literatura ou os primeiros vídeos. Hoxe a multidisciplinaridade está totalmente asimilada”, sinala.

A importancia
A analizar a pegada que este tipo de propostas deixaron na configuración da arte galega, Miguel Anxo Rodríguez sinala que “co tempo está a se valorar cada vez máis a importancia deste colectivos e dos movementos que aglutinaban artistas, mesmo sen estar formalizados. Ollando atrás vese que en moitos casos estas propostas anticipan liñas rupturistas que logo se impoñen”. E pon de novo como exemplo o traballo ao longo dos anos setenta dos grupos que deron logo pé a Atlántica, movemento predominante na Galicia dos 80, apuntando que “agora pode estar a acontecer o mesmo”.

Outros proxectos
Neste último encontro distribuíuse entre os asistentes unha edición cos relatorios e conclusións da primeira edición. A intención do grupo é que este contido estea dispoñible en breve na rede e que as reflexións destes seminarios se poidan utilizar por parte de creadores e programadores do país. “Queremos organizar a información para que se converta en coñecemento e que isto redunde en beneficio da propia produción cultural”, explica. Canda a esta proposta de análise, o proxecto de investigación está a traballar na elaboración dun inventario de espazos culturais infrautilizados que teñen potencial para albergar propostas creativas. A partir do Mapa de Equipamentos Culturais do Consello da Cultura, estes investigadores da USC están a analizar as posibilidades de casas de cultura ou salas de exposicións neste campo. “Ollamos que non se dá un cruce entre as necesidades dos artistas que buscan amosar as súas obras e estes espazos. Nós pretendemos, partindo desa base de datos, incluír información sobre as características físicas do lugar, o equipo de traballo que o xestiona, a poboación do contorno ou datos sociolóxicos como cifras do paro entre moitos outros campos. A idea é que a xente poida atopar os lugares idóneos para os seus proxectos, e agardamos telo en liña para comezos de 2013”, explica López.