Inícianse as obras de recuperación do Castro de Baroña

Os traballos de consolidación e recuperación durarán ata finais de xullo

O castro de Baroña
O castro de Baroña
Hoxe pola mañá, despois de varios meses de adiamento, comezaron os traballos de recuperación e sinalización do castro de Baroña. O proxecto, levado a cabo pola empresa Terra Arqueos, acometerase en dúas fases, como sinala un dos arqueólogos do equipo, Ángel Concheiro: "estaremos xuño e parte de xullo e volverase despois do verán, para ver como funcionou o sitio arqueolóxico tralas visitas masivas". Con todo, a idea do equipo é realizar o 90% das actuacións previstas nesta primeira fase, actuando sobre as zonas críticas. "Un dos retos grandes é que se vai deseñar xa un itinerario de visita ao xacemento coas debidas condicións de seguridade, xa que ten unhas condicións topográficas tan complexas que esixe marcar un itinerario". As murallas tamén serán un dos elementos máis intervidos do proxecto, xa que foron as que se escavaron antes e presentan "problemas de interpretación".


O proxecto contempla a reescavación de varias das áreas, "tanto para preparar os itinerarios como para reinterpretar os restos, coñecer a estatigrafía ou poder aplicar o C14" xa que, segundo Concheiro, Baroña "foi un caso perdido para a arqueoloxía galega, xa que un sitio arqueolóxico de características tan colosais non achegou demasiado coñecemento á arqueoloxía galega". Un dos obxetivos será, xa que logo, profundizar na cronoloxía do xacemento.

O proxecto contará co apoio do Grupo de Estudos da Prehistoria do Noroeste, que van traballar para obter estes novos datos dun recinto fortificado máis que singular. "Para min é un castro que evolucionou desde o modelo costeiro típico para constituírse nunha praza forte a finais da Idade do Ferro".