
Canda ao ciclo formativo completo, a escola oferta tamén a opción dun curso de 176 horas anuais que se impartirá unicamente en sábado, e programará ademais clases maxistrais nas que diferentes autores de BD amosarán o seu xeito de traballo aos alumnos. David Rubín iniciará estas xeiras o vindeiro 19 de maio a explicar o seu traballo na obra El héroe.
Os títulos expendidos pola escola carecen de recoñecemento oficial xa que, segundo explicou o director, unha das condicións esixidas pola administración era que os profesores tivesen un título cando menos igual ou superior a aquel que imparten, e non existen títulos sobre BD. Canda a isto, boa parte dos profesionais en activo carecen de licenciaturas. Ademais, as propostas de programa docente realizadas desde Educación non se axeitaban, segundo Da Silva, ás esixencias actuais da industria da banda deseñada. "Para nós o importante é formar profesionais e que acaben publicando os seus traballos, xa que nesta profesión o que realmente conta é o nivel profesional do teu traballo", explica.
O local da escola acollerá tamén exposicións de orixinais de diferentes autores, ata o vindeiro 31 de maio pode verse o proceso de traballo de Miguelanxo Prado en Trazo de xiz.