O economista e Presidente de Honra de Editorial Galaxia Xaime Isla Couto morreu hoxe pola mañá en Vigo. Isla Couto foi un dos fundadores de Editorial Galaxia en 1950 e unha importante personalidade no ámbito da cultura galega e da galeguización da empresa e da banca en Vigo durante o século XX. Durante esta tarde actualizaremos esta información cos datos sobre o seu sepelio.
Biografía da Editorial Galaxia
Editorial Galaxia constituíuse en xullo de 1950 a partir da iniciativa de Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto, que un ano antes botaran a andar o Suplemento Literario do xornal La Noche en Santiago de Compostela. Axiña incorporaríanse ao proxecto Ramón Piñeiro, como director literario, e Ramón Otero Pedrayo, primeiro presidente do Consello de Administración. Mais a iniciativa foi dos anteditos: pulmóns e brazos executivos de Editorial Galaxia durante anos. Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto foron a alma desta empresa, guieiros do seu proxecto estratéxico dende a súa fundación.
Xaime Isla Couto participou nos grandes momentos do galeguismo político e cultural do século XX. Primeiro dende os equipos Ultreya, que orientaba Álvaro de las Casas, e as Mocidades Galeguistas, onde entrou en relación con Fernández del Riego e outros compañeiros de galeguismo. Despois como participante do proxecto do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista.
A súa orientación foi a didáctica e a economía. Estudou Maxisterio e Comercio. Exerceu durante anos a avogacía e animou dende Galaxia os traballos de socioloxía, economía e estudos de organización local, cunha visión novidosa sobre a economía social que hoxe volve estar de actualidade. Entre 1958 e 1968 dirixiu a Revista de Economía de Galicia, un dos grandes proxectos da editora naqueles anos, do que foi subdirector Xosé Manuel Beiras.
Home de profundas convicións espirituais e relixiosas, formou parte dos equipos de galeguización da liturxia, comprometido coas accións do recoñecemento do idioma galego no Concilio Vaticano II, e coa creación da editorial Sept (1966), especializada en publicacións de carácter social e relixioso, e promotora entre outros grandes proxectos da edición da Biblia e do Novo testamento en lingua galega.
En 1987, xunto coa súa dona Cristina Novoa e os seus irmáns Manuel e Celso, crearon a Fundación Isla Couto, especializada en estudos de carácter local, socioloxía, economía e espitiritualidade. O nome Isla Couto é unha homenaxe ao irmán maior, Ramiro, que nos anos da mocidade influíu sobranceiramente no seu galeguismo. Tamén foi cofundador da Fundación Penzol (1963) e da Fundaciòn Otero Pedrayo (1979), da que recibiu o Premio Trasalba en 1992. En 1999 ingresou na Real Academia Galega co discurso: Economía, linguaxe e poder. Nese mesmo ano foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.