A Federación de Cineclubes de Galicia celebrou esta fin de semana a súa asemblea anual e ofreceu algúns datos de balance de 2011. En primeiro lugar, a Federación acadou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais por 24.000 euros para proxectar "obras que son dificultosas de chegar á carteleira cinematográfica", segundo declarou o presidente da Federación, Manuel Precedo. A Federación actuará como central de compras para obter filmes deste tipo. Por outra banda, a Federación resaltou que no 2011 incrementáronse en 80 as proxeccións con respecto ao ano pasado e que o filme máis visto na rede de cineclubes foi 18 comidas de Jorge Coira. O cineclube que máis actividades programou en 2011 foi o Cineclube Pontevedra e o que tivo unha media de asistencia máis alta foi o Padre Feijóo de Ourense, con 330 persoas por sesión.