A plataforma Galego.lab promoveu unha campaña para que Gooogle substituíra o seu logo nos servizos de busca por un 'doodle' dedicado a Valentín Paz Andrade durante o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Un 'doodle' é unha variante gráfica do buscador de Google que incorpora referencias visuais ao concepto que se quere homenaxear. Desde galego.lab informan de que a compañía respostoulles que na central de San Francisco só se avaliaban propostas presentadas con seis meses de antelación, e a do Día das Letras Galegas remitírase só con tres. Galego.lab matiza que desde Google España sempre se lles informou de que o prazo era de tres meses, e non seis. Á campaña adheríranse entidades coma a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o Museo do Pobo Galego, entre outras.