Suspendido o festival Cultura Quente de Caldas

Desde o concello agardan poder levar a cabo unha nova edición no 2013

O concelleiro da área de cultura de Caldas de Reis, Manuel González, confirmou en declaracións para Cultura Galega que o festival Cultura Quente queda “suspendido temporalmente” este ano e que xa comezan a traballar para poder facelo no ano 2013. A situación de axuste económico e aforro na que está o concello é a principal causa desta suspensión xa que teñen que tomar esta decisión “para non ter que suspender outros servizos sociais e optouse por baixar as partidas de festas patronais e do Cultura Quente”. Manuel González afirma que tiveron que tomar esta decisión moi recentemente a pesares de que non estaba prevista xa que tiñan un duro recorte orzamentario este ano e é preciso facer un festival “que manteña os niveis de calidade que ata agora tivo e que dan o prestixio á marca Cultura Quente”. No concello está a elaborar os pregos de condicións para a contratación dunha empresa que leve a organización no 2013 e consideran que a un ano vista poderá acadar tamén mellores patrocinios para completar o orzamento necesario para sacar adiante a que será a décima cuarta edición. O concello estima en 125.000 euros o aforro pola suspensión deste ano.