Figuras internacionais para o festival Cultura Quente e as festas de Vigo

Arrincan os concertos

Jamiroquai e Zucchero serán as estrelas nas festas do Cristo de Victoria de Vigo que comezan o vindeiro día 15 de xuño. E xa comezan a coñecerse as actuacións que virán a Caldas na nova edición do Festival Cultura Quente. Polo de agora temos galegos coma Deluxe onda grupos foráneos coma Skunk D.F. ou Big Soul.

Quente, quente



O Festival Cultura Quente 2002 de Caldas xa confirmou algúns dos concertos que terán entre os días doce e trece de xullo nesta localidade pontevedresa. Como grupos destacados, a organización conta coa participación de Big Soul, Gigolo Aunts, o coruñés Deluxe, Sidonie e Ya te Digo para os concertos do día doce. Un día despois acudirán Rosendo, Dismal, NDNO, Fe de Ratas e Skunk D.F. ó escenario.
Ademais deste grupos, celebraranse, como vén sendo tradicional, intervencións artísticas no espacio urbán, actuacións cómicas e concertos de grupos aínda non consagrados, así coma mercadiños e contacontos.



O Cristo da Victoria



A edición 2002 das Festas do Cristo da Victoria comezarán o vindeiro sábado quince de xuño coa actuación do cantante italiano Zucchero, única que realiza no Estado Español, a un prezo único de seis euros a entrada. Onda el cantará o cubano Athanai, representante do novo rock cubano. Xa cara o final das festas, o xoves 27 de xuño, virá o outro prato forte destas celebracións, o concerto de Jamiroquai, que presentará o seu último traballo a quen pague 18 euros de entrada.
Un pouco máis tarde, para o día 24 de xullo, está prevista a presencia dos británicos Oasis, e pouco despois actuará na Cidade Olívica Bill Wyman, antigo baixista do Rolling Stones.
Tamén para este verán o Concello anuncia a posible presencia do brasileiro Gilberto Gil dentro do festival internacional Para Vigo me voy.
O Concello vén de pór en marcha con ocasión dos concertos das festas o certame "Ti es o primeiro", no que convocan ós grupos noveis vocais para darlles a ocasión de ser os teloneiros de Jamiroquai ou de Oasis.