As orquestras populares deron traballo a 4.000 persoas no verán de 2010

O primeiro estudo sobre o sector da verbena asegura unha facturación de case trinta millóns de euros

O estudio Do palco ó escenario. Unha aproximación analítica á industria da música nas festas populares de Galicia presentado hoxe é o primeiro proxecto de investigación que fai unha aproximación analítica e rigorosa ao subsector das orquestras de verbena que tanta intensidade acada no contexto galego. O traballo desenvolvido polo Equipo Canal Campus da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais achega unha “foto fixa” deste sector do ano 2010 deixando ver unhas cifras oficias de facturación de máis de 28 millóns de euros e un nivel de contratación de 4.000 postos de traballo, malia que moitos son estacionais concentrados no verán.



A intención do equipo de investigación coordinado por Xaime Fandiño é crear un Observatorio da música en Galicia centrado no ámbito popular para poder elaborar máis investigacións neste sentido e amosar a evolución destes datos. O director de AGADIC, Juan Carlos F. Fasero, remarcou a importancia deste sector pola súa “contratación elevadísima” e alto nivel técnico e recordou que hai orquestras que chegan a vender nun ano 7.000 discos en Galicia, máis que moitos artistas. Tanto Fandiño como Fasero aseguraron a dificultade de obter moitos datos económicos procedentes do sistema de Comisións de festas e cotas veciñais co cal a cifra de facturación podería ser superior a eses 26,2 millóns. O estudo contabiliza en Galicia 295 orquestras e outras 25 formacións foráneas con actuacións habituais no país. Panorama e París de Noia son as orquestras con máis de 200 actuacións anuais; son tamén as máis caras cun cachet de ata 18.000 euros. A presenza da muller fóra da ser vocalistas queda nun 3% xa sexa como músicas ou en traballos técnicos. O vindeiro mes de abril entre o 26 e o 29 no Ifevi de Vigo terá lugar Verbenalia unha feira que agrupará a trece das mellores orquestras entre as que están as dúas mencionadas e Olympus, Charleston Big Band, Costa Oeste, Sintonía de Vigo entre outras