A BD galega naceu vizosa

A exposición Orixes do cómic en Galicia revela as conexións dos primeiros autores galegos co seu tempo

Os que aínda consideren que a banda deseñada comeza coa tira cómica Yellow Kid en 1895, deberían pasar pola exposición que acolle a Cidade da Cultura sobre as orixes da novena arte en Galicia. Alí podemos atopar narracións en cadriños anteriores nunha década a esta data. Para alén, o proxecto amosa como a creación da BD galega correu en boa medida parella á evolución internacional desta arte nos seus comezos, perdendo pulo con posterioridade.

Ata hai ben pouco, e posiblemente por mor da escasa investigación sobre este campo, a historia da banda deseñada galega comezaba nos anos 70, en concreto coa publicación de O emigrante de Xaquín Marín. No entanto, e segundo recoñece Rosario Crespo, comisario da mostra Orixes do cómic en Galicia, “sabíase que tiña que haber cousas anteriores, pero era moi complicado localizalas”. Como mostra disto, os preto de seis anos de traballo “a tempo parcial e empregando tempo libre e vacacións” que empregou esta investigadora, coa colaboración de Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia, para compilar o material que agora se pode ver no Arquivo da Cidade da Cultura. “Tratouse de investigar toda a prensa galega desde finais do século XIX, cando aparecen as ilustracións, visitando diferentes centros. E iso é un traballo inmenso. En realidade non amosamos todo o que se atopou. Podemos falar dun total de 500 pezas localizadas, pero de moitas non dispomos de exemplares físicos e só contamos polo de agora con imaxes dixitais”.

Pioneiros
En total, recuperáronse para a historia medio cento de novos autores de banda deseñada que na súa maioría eran descoñecidos ou ben destacaran noutros ámbitos, aínda que algúns destes traballos xa se puideran ver na exposición A historieta galega. “O noso criterio foi seleccionar obras nas que se dese un relato, cando menos en dous momentos”, explica Crespo. Neste campo encádranse as primeiras obras que se poden ver na mostra, obras de Román Navarro que xogan co contraste entre dúas páxinas para narrar un suceso en dúas partes e que viron a luz en El Domingo, na Coruña en 1880. Malia ao temperán da data, debemos ser conscientes de que traballos semellantes, considerados protocómic, aparecían en datas semellantes en diferentes publicacións de todo o mundo, polo que a data convencional de comezo da novena arte con Yellow Kid está desde hai tempo en cuestión.

Tendencias internacionais
A chegada da BD neste momento está relacionada coa propia evolución técnica de impresión dos xornais. “Ata entón non se podían reproducir imaxes na prensa, é a técnica a que marca o inicio. A partir de 1838, que aparecen as primeiras ilustracións na prensa galega vanse vendo exemplos, pero non atopei ningún exemplo ata 1880”. Canda á evolución da imprenta, detéctase tamén a pegada das tendencias internacionais xa no primeiro momento da banda deseñada feita no país. “Detéctase influencia da caricatura política de Francia e Inglaterra. Os pioneiros da BD en Galicia era xente educada, con formación, en moitos casos profesores de arte. Ademais, moitos tiñan bolsas de formación das deputacións que lles permitían saír e visitar países como Francia ou Italia”. Atopamos entón un comezo da novena arte moi contemporáneo da evolución noutros países, tanto en estilo gráfico como en temas.

Variedade
No material que recuperou de finais do século XIX Rosario destaca a variedade temática. Como é habitual a a nivel internacional, o debuxo ten nunha grande medida carácter satírico. “Atopamos por exemplo unha historia, que non puidemos incluír na mostra, que narra unha revolta que houbo na cidade de Ourense pola suba de impostos e na que morreu un rapaz, e faise crítica á actuación policial”, lembra a comisaria. Deste xeito, temas costumistas, a narración de sucesos ou mesmo as historias de aventuras están presentes xa nas primeiras producións galegas. “Tamén hai intencións didácticas e de crítica social. Falamos dun momento no que hai moito analfabetismo e se busca chegar a todo o mundo coa imaxe”, apunta. O tema varía tamén segundo a publicación na que se editan das historias. “Na prensa sobre todo obsérvase un debuxo de tema costumista e de escenas da vida cotiá. Máis tarde, xa a comezos do século XX aparecen temas máis críticos”, que xa se viñan tratando na prensa satírica. “A lei de liberdade de imprenta permitiu, a explosión das publicacións satíricas a finais do XIX”, lembra Crespo, quen salienta que estas cabeceiras, a miúdo de vida breve foron campo aboado para a ilustración e a banda deseñada no momento a comisaria. Mesmo atopamos publicacións como Café con gotas, realizada por estudantes universitarios, que retratan a vida compostelá entre 1886 e 1892 e na que destaca o traballo de Tabarra, pai de Xaquín Lorenzo Xocas.

Tesouros
Un dos tesouros que recupera a exposición é a primeira banda deseñada editada en galego, xa en 1888. Dentro da publicación O Galiciano, un autor que asina como Carballo publica unha páxina na que se recolle un suposto discurso político, amosando unha grande dose de crítica social. Tamén destaca a primeira historia de continuación, de Fuentes, que incorpora en 1889 elementos totalmente modernos como os cadriños, ou a presenza dun narrador e que tamén se pode ver na mesma publicación. Ademais, consolida a idea da variedade temática, sendo unha obra do xénero de aventuras. Houbo que agardar ata 1933 para ver a aparición do primeiro personaxe fixo dunha serie galega, Don Fermín de Enrique Pardo, nado no Faro de Vigo e que vería a luz tamén en Vida Gallega. Ou o traballo de Manuel Torres que publicaba as súas historias en galego no xornal madrileño El Sol, xa en 1929.

Importación e exportación
Xa a finais do século XIX dáse un fenómeno de plena actualidade como é o feito de que os autores galegos teñen que competir coa edición, en publicacións galegas, de historias foráneas. De novo, as posibilidades técnicas están detrás da mudanza na situación. “A aparición do fotogravado, xa cara a década dos 90, permite reproducir unha mesma ilustración en diferentes xornais ou revistas”, explica. Isto dá na aparición das revistas ilustradas, que recollen unha grande cantidade de material foráneo. “Entón van desaparecendo un pouco as historietas realizadas no país”, aínda que se manteñen en primeira liña creadores como Benigno López Sanmartín, que amosa obras con claras influencias do seu tempo. Outra tendencia actual, como é a dos autores galegos que acadan recoñecemento fóra, tamén está presente desde os primeiros momentos da novena arte no país, como é o caso de José María Cao, debuxante de Cervo considerado o pai da caricatura política arxentina e que desenvolveu un labor fundamental na publicación porteña Caras e caretas. “Castelao coñecía a súa obra en Arxentina e declarábase namorado do seu traballo”, sinala Crespo.

Nomes de altura
Unha das grandes achegas que realiza esta exposición á historia e, é de agardar, á consideración da banda deseñada en Galicia, é a introdución como autores de cómic de nomes que xa destacaban noutros campos, se ben é certo que na maioría dos casos aparecen unicamente de xeito ocasional. Por riba de todos, a descuberta de catro historias de cadriños debuxadas por Castelao supoñen sen dúbida un fito na historia da novena arte do país. “Xa sabiamos que existían. En concreto, hai tres páxinas que se imprimiron na parte de atrás das cubertas de Vida Gallega, xa en 1909, e en moitos casos perdéronse ao encadernar as coleccións das revistas”. Canda a isto, a historia que o rianxeiro realiza sobre textos de Cabanillas sobre a vida de Santo Amaro, lembrando o estilo dos carteis de cego, en dez cadriños, destaca por ter tres edicións diferentes entre 1925 (tamén en Vida Gallega) e 1948, cando ve a luz xa sen o nome de Castelao para sortear a censura. Canda a el, o coñecido gravador Máximo Ramos, Manuel Torres, Maside ou Álvaro Cebreiro, para alén do xa mentado Cabanillas ou Eduardo Blanco-Amor como guionistas (este último na Arxentina) súmanse á nómina de creadores galegos de BD.

A parálise
Malia a que, como se pode ver, no comezo a BD galega se mantiña, máis ou menos, á última en canto a estilo e soportes, ao longo do século XX a creación do país foi ficando relegada. Mentres Estados Unidos, Francia, España ou Cataluña vían nacer as primeiras publicacións centradas ou cunha alta porcentaxe de BD nos seus contidos, a miúdo dedicadas aos máis novos, en Galicia non se deu esta evolución, e o xénero mantívose relegado a aparicións máis ou menos puntuais a revistas e xornais entre outras propostas. “A partir da Guerra Civil desaparece case todo, tanto da prensa como en revistas ilustradas”, lembra a comisaria, fóra de propostas puntuais como a publicación monográfica Cosas de Ugenio, de Navarro, que saíu en Compostela nos anos 60. A partir de entón, coñécese a existencia de traballos máis ou menos puntuais e dalgúns autores que traballaron no anterior, ficando pendente avanzar na investigación ata a década dos 70 e ligar todo este traballo que xa coñecemos, e aínda fica por descubrir, da nosa BD desde o último terzo do século XX.

Queda agardar agora os novos traballos de investigación que se realicen a partir deste material e os achados que, sen dúbida, han saír do mesmo. A propia comisaria recoñece ter escrita a súa propia achega neste sentido, polo de agora sen publicar. A falta dun catálogo comentado que acompañe a mostra ou da edición dixital do mesmo son polo momento pexas importantes para permitirnos avanzar no coñecemento e na difusión da novena arte no noso país.

Páxina de banda deseñada de Castelao. <i>Vida Gallega</i>, 1909

Páxina de banda deseñada de Castelao. Vida Gallega, 1909

Fonte: Exposición Orixes do cómic en Galicia

Galería: Os comezos da BD galega

Galería: Os comezos da BD galega

Páxina de banda deseñada de Castelao. Vida Gallega, 1909 Fonte: Exposición Orixes do cómic en Galicia

Páxina de banda deseñada de Castelao. <i>Vida Gallega</i>, 1909

Páxina de banda deseñada de Castelao. Vida Gallega, 1909

Fonte: Exposición Orixes do cómic en Galicia

Banda deseñada protagonizada por Don Fermín, de Pardo

Banda deseñada protagonizada por Don Fermín, de Pardo

Fonte: Exposición Orixes do cómic en Galicia

BD da serie <i>Conto Galego</i> de Manuel Torres. Publicada no xornal madrileño <i>El Sol</i>

BD da serie Conto Galego de Manuel Torres. Publicada no xornal madrileño El Sol

Fonte: Exposición As orixes do cómic en Galicia

Páxina de <i>Eclipse de luna</i>, de Benigno López Sanmartín. <i>Extractos de literatura</i>, 1893

Páxina de Eclipse de luna, de Benigno López Sanmartín. Extractos de literatura, 1893

Primeira BD en Galego, por Carvallo. <i>O Galiciano</i>, 1888

Primeira BD en Galego, por Carvallo. O Galiciano, 1888

Fonte: Exposición Orixes do cómic en Galicia

Páxina de Alonso para a revista arxentina <i>Caras y caretas</i>

Páxina de Alonso para a revista arxentina Caras y caretas

Fonte: Exposición Orixes do cómic en Galicia