A Xunta apoiará economicamente a consecución do dominio galego en Internet

A través dun convenio coa Asociación PuntoGal achegará 213.000 euros

Segundo acordou hoxe o consello de goberno a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica achegará 213.000 euros á Asociación PuntoGal, a entidade encargada de promover a candidatura, para financiar os custos da obtención do dominio “.gal” na Internet. A maior parte deste importe, 145.000 euros, corresponden á matrícula que esixe o organismo competente, a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN), para presentar a candidatura antes da data límite do 13 de abril. O ICANN esixe tamén a constitución dun aval de 44.000 euros para garantir a xestión do dominio durante polo menos 3 anos. O resto do importe será utilizado na contratación dun servizo de apoio de carácter administrativo así como a participación de PuntoGal nos actividades que o ICANN e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede realizarán este ano, incluíndo o material informativo e promocional preciso para a participación de PuntoGal nestes eventos. En total son 109 as entidades adheridas a PuntoGal, incluídas as principais institucións culturais (Real Academia Galega, Consello da Cultura, etc.) e educativas (Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña, etc), A asociación creouse en 2006 por iniciativa da RAG e o Colexio de Xornalistas así como de varios medios de comunicación.