Comezan os concertos da Rede Galega de Música ao Vivo

No primeiro semestre ofreceranse 226 actuación en 29 salas do país

O trío 3Azoteas abrirá mañá día 15 no Jazz Filloa da Coruña a programación da Rede Galega de Música ao Vivo. En total serán 226 actuacións as programadas para o primeiro semestre do ano, 58 menos que no mesmo período do 2011, e en principio son 29 as salas coas que o AGADIC ten acordo de colaboración aínda que agardan poder algunha máis ata un tope de 35. O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero quixo remarcar na presentación da programación o salto cualitativo experimentado polas salas en dotación técnica e instalacións segundo un estudo levado a cabo pola propia axencia. Para este semestre a Rede conta cun orzamento de 96.893 euros a repartir nun 85% a cargo de AGADIC en un 15% a cargo das salas adscritas. En total serán 69 os grupos que actuarán na Rede ademais de dous magos e dúas compañías teatrais. Na presentación, levada a cabo no Pub Ultramarinos de Santiago, Fasero estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura Anxo Lorenzo que aproveitou para reforzar o apoio ao papel de AGADIC como “pivote fundamental da acción da Xunta no eido das industrias culturais” así como a necesidade de que o sector cultural "camiñe cara a autosuficiencia" en condicións de mercado. O representante da asociación de salas Clubtura , David Paz, quixo recalcar a importancia desta rede que "permite levar bandas e actuacións a moitas vilas pequenas do país que doutro xeito non sería posible levar".