Aprender e cantar

Para cantar veño eu percorre de xeito didáctico a nosa música popular

Fotografía da capa de <i>Para cantar veño eu</i>
Fotografía da capa de Para cantar veño eu
Nos últimos anos están a se multiplicar as obras de carácter didáctico que se achegan á nosa música tradicional. Dentro desta liña, acaba de saír do prelo Para cantar veño eu. Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos. Como peculiariades, presenta a aposta por seguir o itinerario dunha asociación como fío condutos e atender a partes pouco difundidas da nosa tradición.

A piques de facer 20 anos, a Asociación Os Chichisos de Pontevedra ten detrás un amplo traballo de recuperación e divulgación do noso patrimonio musical. “Para alén de facer obradoiros e cursos, procuramos recuperar aspectos do noso folclore que poden estar algo marxinados, como son os cantos de berce, de Nadal, o baile agarrado ou o toque de campás”, lembra Rafael Quintía, membro do colectivo e autor da nova obra. No seu seo, Rafael Quintiá deiciu que era o momento de aproveitar esta bagaxe para lanzar un libro que lle permita ao público non especializado coñecer mellor esta tradición. “A idea era facer unha pequena guía que servise para nenos ou colexios, e que permitise á xente ter nocións xerais sobre aspectos do noso folclore, ritmos bailes ou intrumentos tradicionais”.

O manuel aproveita o percurso e a experiencia de Os Chichisos achegando unha pequena introdución co traballo da mesma en cada campo, como poden ser os instrumentos pobres ou a recuperación de festas do ciclo anual onde a música ten un elemento destacado. “Pareceume un xeito de facer balanzo de todo este traballo coller a asociación como fío condutor. Así, fálase do ciclo do ano e do xeito no que apostamos pola recuperación de tradicións como poden ser os Maios ou os Cantos de Reis, ou arguméntanse aspectos didácticos en base á experiencia en cursos ou obradoiros”, sinala Quintía.

Encol da proliferación relativamente recente de obras destinadas a achegar a nosa tradición musical a un público non especializado, este estudoso apunta que “pasamos por unha época fundamental de recollida e investigación, pero tamén cómpre facerlle chegar á xente os coñecementos e explicarlles un pouco o que é a música e a riqueza que supón sen necesidade de ir a traballaos moi específicos. Do mesmo xeito que hai libros de Historia máis ou menos técnicos, para xente académica ou non, na música tamén cómpren. Ademais, están a saír moitos discos orientados a nenos, e nesa mesma liña é importante atender á formación, xa que son o futuro da nosa tradición”. Nese sentido, a obra incorpora unha guía didáctica que permite repasar e coñecer mellor o que se tratou. “A idea é que tamén sirva como ferramenta para profesores”, sinala o autor, “inclúe coplas, adiviñas e algunhas escolmas de material para facilitar a aprendizaxe”. A obra, editada pola Sociedade Antropolóxica Galega está dispoñible a un prezo 15,6 euros.