Unha clase maxistral dará claves de como funciona un mercado audiovisual

A cita terá lugar o martes 7 no Centro Multimedia de Galicia

Félize Frappier traballa no sector da distribución como axente de vendas para Max Films International desde 2003, conseguíu vendas para películas como Seducing Dr. Lewis, The Far Side of the Moon, Borderline e Crying Out. O vindeiro martes estará en Compostela (aula CeMIT do Centro Multimedia de Galicia) para dar unha clase maxistral sobre Audiovisual Marketing and International Sales. A cita está organizada polo Consorcio Audiovisual de Galicia en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

Segundo unha nota de prensa remitida pola consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, entidade á que está adscrita o Consorcio Audiovisual, a docente “falará, primeiramente, da súa experiencia e o funcionamento do mercado audiovisual en Canadá, nunha segunda parte afondará nos pasos a seguir para preparar a asistencia a un mercado internacional e, finalmente, abordará a explicación dun caso práctico no que amosará algúns exemplos de estratexias de lanzamento e promoción.”