A exposición sobre cómic español en Angoulême inclúe varios autores galegos

A Carapuchiña vermella de Victor Rivas é finalista no premio dos colexios

Edición francesa da <i>Carapuchinha</i> de Rivas
Edición francesa da Carapuchinha de Rivas
Como está a acontecer nos últimos anos, a edición do Festival de BD de Angouleme, que comeza o vindeiro mércores nesta vila francesa, non terá unha representación oficial de Galicia. Segundo explicaron desde a Consellaría de Educación e Cultura non houbo solicitudes do sector para asistir ao evento. No entanto, algúns dos nosos autores estarán presentes na exposición Tebeos – Les bandes dessinées espagnoles, que leva o Ministerio de Cultura sobre a BD estatal. Segundo adianta o seu comisario, Álvaro Pons, na mesma "hai unha ampla representación de galegos coma Prado, Rubín, Jacobo Fernández ou José Domingo", entre outros.

Ao tempo, atopamos o traballo dun galego entre os candidatos a un premio no festival, aínda que fóra da categoría oficial. A edición francesa da Carapuchiña vermella, que realizou Víctor Rivas sobre guión de Martin Powell para a firma estadounidense Archstone Books, compite no galardón das escolas. Alumnos de catro centros da vila francesa elixirán entre cinco obras consideradas de especial interese educativo a súa favorita.

Ademais, está prevista a presenza de diferentes creadores galegos de banda deseñada, que se achegarán ao maior evento de BD en Europa para dar a coñecer os seus traballos e, nalgúns casos, presentar os seus últimos lanzamentos. David Rubín, José Domingo, Fernando Iglesias, Kiko da Silva ou Miguel Porto son algúns dos autores que prevén desprazarse ao festival.