Crear en 2011 (I)

Repasamos do estado da creación en Galicia á luz do ano que rematou

Fotografía: Ursula Prego e Mutante Creativo
Fotografía: Ursula Prego e Mutante Creativo
A crise económica tamén condiciona a creación. Cando menos iso é o que se desprende dos especialistas consultados nas áreas da literatura, a banda deseñada e a música. Nuns casos a pegada é positiva e noutra negativa, e mentres nas letras leva a unha visión máis conservadora, na música convida a que os artistas se impliquen máis nos procesos de control das súas obras, entre outras cuestións.

Letras con poucas novidades
A nivel literario, o ano non achegou grandes novidades, e a crise deixouse sentir tamén na creación. Cando menos, así o sinala Dolores Vilavedra, crítica literaria e profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago. “Semella que a literatura se contaxiou un pouco dunha certa perda de pulo que está a se ver tamén na sociedade. Faltaron novidades entusiasmantes, e estamos moi necesitados delas. É algo que nos volta a confianza na literatura e nas nosas posibilidades creativas”. Non é, no entanto, que non se producisen obras de valía, ou que non houbese lanzamentos, especialmente no campo da tradución, de importancia. “Houbo textos dignos de recibir unha acollida mais entusiasta, como a tradución de Murakami ou de Salma. Son esforzos notables que pasaron desapercibidos”. Apontalouse tamén neste período a certa crise que está a vivir a edición de poesía. “Houbo unha redución, tamén por cuestións económicas, e é o xénero que sempre sae máis prexudicado. En xeral os editores están con políticas restritivas, con apostas moi selectivas, e esa perda de entusiasmo afecta tamén aos creadores, que arriscan menos”. O ensaio é quizás, e a continuar tendencias de anos anteriores, o xénero que máis está a destacar. “Xa levamos uns anos moi bos, está a pasar o que tiña que pasar e abandonamos aquela especie de reciclaxe de investigación para facer ensaio puro, e estase a ver que é un xénero que, na medida no que se desenvolve apoiado na actualidade, ten éxito”. Finalmente, Vilavedra recoñece o traballo da editoras independentes á hora de anovar no panorama literario. “Ao non aspirar a grandes beneficios están menos pendentes do mercado e fan cousas moi interesantes, aínda que penso que hai de máis. Pero vese que algunhas consolidan unha liña e non publican ao chou, hai casos moi interesantes como o de Estaleiro ou o que publica Kalandraka en narrativa”.

Música creativa
No campo da música, non cabe dúbida de que a creatividade continúa a ser moita e que se manifesta nos mais variados xéneros. Vituco Neira, responsable do programa Planeta Furancho na Radio Galega, “Foi un ano magnífico para a música do país. Houbo moita produción e de moi boa calidade. Penso que estamos a vivir un momento espectacular da creatividade no país en todos os estilos. É difícil dar nomes porque queda xente fóra, pero por exemplo podemos falar do segundo e grandísimo disco de Dios Ke Te Crew, que penso que vai quedar como un fito na música galega.” Como problema, e relacionado co feche de diferentes medios de comunicación en galego e centrados no noso país, Neira apunta a ausencia desta inxente produción en xornais, radios e televisións do país. “Falta chegar ao público. A xente da rúa é un pouco vítima do descoñecemento da música. Non lles chegan, van a poucos concertos e mercan poucos discos. Cando logo ollan os grupos en festivais, a xente queda contenta e abraiada coa calidade que teñen”. Como unha tendencia que se mantén e mesmo medra, este especialista comenta a presenza crecente de obras autoproducidas no noso panorama musical. “É algo natural, todo o mundo ten acceso a programas cos que pode construír e compor con boas calidades. Deste xeito todo queda moito máis aquí, e tendo ferramentas e ganas saen bos produtos. E logo ter o control de todo o proceso, abaratar custos e ser o dono de todo o que fas é algo moi atractivo para os artistas. Como desde as discográficas e as produtoras tampouco lles chegan grandes cousas, mestúrase un pouco a necesidade e o querer facelo así”, conclúe.

BDs ambiciosas
No campo da banda deseñada, a creación deu este ano nunha consolidación de carreiras profesionais para diferentes autores. “Vanse asentando varias traxectorias profesionais nun ámbito amplo, mesmo internacional”, apunta Henrique Torreiro, crítico e investigador no campo da BD. “Isto sería impensable hai uns anos, había algunha excepción, pero agora comezamos a ter uns cantos nomes funcionando de xeito notable, con cousas que funcionan no mercado e convencendo”. Unha característica común a moitos destes traballos, fóra das propostas que se incorporaron aos mercados mainstream americano e francés, como e o caso de Emma Ríos ou Tirso Cons, é a aposta por historias dunha certa magnitude, unha tendencia que se contempla tamén fóra das nosas fronteiras. “Son obras que requiren un investimento de tempo importante. Temos a David Rubín enmarcado no que poderíamos chamar unha superprodución para BD, recibindo boas críticas e aparecendo en listas de todo tipo. Temos o último traballo de Martín Romero, que se realizou co apoio dunha bolsa vasca na Maison des Autours. Ou o recente lanzamento de José Domingo”. Dentro do mercado galego destaca o traballo de Jacobo Fernández coa súa obra sobre Lois Pereiro. “Supón un exercicio magnífico de creación, amosa como se pode facer BD ex profeso para unha conmemoración e ao tempo conseguir unha obra de autor de categoría”. Sinala tamén, dentro da edición feita no país a aposta que se vertebra a través de Demo Editorial. “Está a amosar que o feito de tirar unha novela gráfica ou un álbum está a deixar de ser unha excepción, a xente, con maior ou menor acerto, está a conseguir formular as súas obras cun formato e unha extensión que era impensables hais uns anos. É o caso, por exemplo de Tokio, que logo de anos de inactividade presentou un traballo dun cento de páxinas. Que, co ingrato que é o traballo da BD e o mercado, se lance a investir todas esas horas significa que algo está a mudar no panorama.