O Centro Torrente Ballester busca achegarse ao público na súa nova etapa

David Barro é o colaborador externo dun centro que non terá director

Oito exposicións (catro de gran formato e outras catro de pequeno formato) conformarán a programación do Centro Torrente Ballester para 2012. O centro non contará cun responsable (Susana Cendán foi a última directora deste espazo, destituída tralas municipais), senón cun asesor externo que axudará a establecer a programación. Ese asesor é David Barro quen, na presentación da programación, apuntou á necesidade de potenciar o local e crear vínculos con outros centros como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Barro será o comisario das ultimas expoxicións do ano, centradas no deseño do século XXI e unha reflexión sobre a sustensabilidade.

A estrutura de programación do centro responde á máxima de dúas exposicións cada trimestre, con comisarios colaboradores como responsables do proxecto. Neste primeiro terzo do ano, Mónica Maneiro será a comisaria dunha mostra titulada “Miradas cinematográficas” (27 de xaneiro-13 de abril) que evidencia os vencellos entre cine e fotografía a través de imaxes de creadores como Carlos Pazos, Chisrtian Marclay, Eve Sussman, Grimonprez, Downsbrough, Vari Carames ou Tracey Moffatt. En paralelo, está previsto a exposición Pouco antes da tormenta convén un pouco de humor, con obras de Chema Madoz, Hans Memmert, Miguel Rothschild e Peter Wüthrich, entre outros.

Reflexións sore a arquitectura, a presenza do colectivo FM e acenos á Escola de Deseño Industrial de Ferrol completarán o resto da programación para este 2012.
Programación do Centro Torrente Ballester para o 2012.