O mecenado será unha prioridade para o novo ministro de Cultura, José Ignacio Wert

O goberno suprime o Ministerio de Cultura, que se integra en Educación e Deportes

José Ignacio Wert é o ministro designado polo novo presidente, Mariano Rajoy, para asumir as competencias de Educación, Cultura e Deportes. Suprímese así unha carteira para o eido cultural e perfílase o mesmo escenario que en 1996, durante a lexislatura de José María Aznar. O novo ministro debuxou na edición de hoxe de El Mundo algunhas das principais liñas de traballo do seu departamento: haberá menos subvencións e impulsarase o mecenado para que “tanto particulares como empresas se involucren no financiamento e promoción da cultura”, protexerase a tauromaquia e suprimirase o canon dixital (incluído no programa electoral).

O Ministerio de Cultura existe desde 1977, un ano antes da aprobación da Constitución Española, antes as súas competencias estiveron repartidas en diferentes departamentos. O principal cambio para este ministerio tivo lugar en 1985, como consecuencia do traspaso de competencias ás Comunidades Autónomas e a creación dunha serie de institutos relacionados co cinema, as artes escénicas e músicais, o ICAA e o INAEM, respectivamente.

As competencias e atribucións do extinto ministerio de Cultura estaban descritas no Real Decreto 1132/2008, de 4 de xullo e agora cómpre agardar ata a publicación no BOE do novo texto para coñecer o seu organigrama e ámbito competencial.