Vitaminas para o galego abre un prazo para facer achegas económicas

O proxecto quere obter 3.300 euros en 39 días mediante a plataforma Verkami.com

A iniciativa a prol dos medios de comunicación Vitaminas para o galego acaba de abrir na plataforma Verkami.com un espazo para recadar fondos. Os interesados en contribuir económicamente a este proxecto poden facer as súas achegas neste web. Segundo as contías están previstas diferentes contrapartidas. Deste xeito, quen poña 100 euros recibirá 6 paraugas , 10 chapas e 10 calendarios da campaña, e aparecerá nos agradecemtos dos dez medios de comunicación integrados na campaña os días 10 e 31 de xaneiro. Admítese unha única doazón de mil euros, e quen a faga contará cun concerto a domicilio de Leo i Arremecaghona e mais cinco quilos de percebes.

A intención é conseguir un total de 3.300 euros, para o que dispoñen de 39 días. De conseguir o total, os fondos destinaranse á edición de material promocional da campaña, á realización de eventos de difusión e mais ao mantemento dos medios integrados na campaña.