A edición galega incrementa o número de libros rexistrados no ISBN

En 2010 inscribíronse 2.544 títulos en galego, segundo os datos do Ministerio

11/10/2011 | Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

En 2010 inscribíronse no rexistro do ISBN 4.754 libros editados en Galicia. Así o recolle o Ministerio de Cultura na súa Estadística de la edición española de libros con ISBN. A cifra mantén a tendencia crecente, cun notable incremento fronte aos 4.069 títulos rexistardo en 2009 e os 3.690 de 2008.

Tamén sube o número destes títulos que saíu en galego, con 2.544 títulos fronte aos 2.121 de 2009. Canda a isto increméntase tamén o número de editoras das que ten constancia Ministerio de Cultura no noso país, cun total de 164 este ano fronte ás 157 do pasado. Segundo estes datos, a produción media por editora foi de 29 títulos en 2010, unha cifra que tamén mantén tendencia crecente nos últimos anos, con 26 títulos de media en 2009 e 23 de 2008 e 2007.

Os datos do Ministerio sinalan tamén que se editaron no noso país 686 obras en soporte distinto do papel, todas elas libro electrónico. En 2009, malia a se publicaren 699 noutros formatos, a presenza da edición electrónica era lixeiramente inferior, só un 99,6% desa cifra.

En canto a traducións, no pasado ano vertéronse ao galego 170 obras doutras linguas, un incremento a respecto dos 117 do ano anterior e dos 131 de 2008. No entanto, aínda non se acadaron as cifras de 194 obras traducidas en 2006 ou as 198 de 2007.

Que che parece esta nova?
44 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ministerio de Cultura, Medios de comunicación

Claves