A voz dormida inaugurará o festival de Cine de Ourense

Só hai seis traballos galegos na sección oficial desta XVI edición do certame

Unha produción española e agora moi popular pola súa recente candidatura a representar a España nos Óscar será a encargada de abrir a XVI edición do Festival de Cine de Ourense. O acto de apertura, con convite, terá lugar o vindeiro 14 de outubro na cidade das Burgas. O filme supón o retorno de Benito Zambrano á dirección logo dun lapso de 6 anos, cunha historia ambientada no Madrid da posguerra, no que unha muller loita para pospoñer a execución da súa irmá, Hortensia, preñada e encadeada. A sección oficial deste festival conta só con seis producións galegas. En documentais exhibirase Radiografía dun autor de tebeos; na sección de curtametraxes hai tres traballosm, El grifo de Denis Rovira, Garabolis de Alfredo Pardo e Tourettes de Martín Fiallega. Na categoría de animación preséntase Gato encerrado de Peque Varela e Vicenta de Sam. No que afecta a novos medios media compiten dous traballos galegos: Ich allein auf fremde wegen (Yo en caminos ajenos) do artista Félix Fernández e Canto de permanencia de Carlos Seijo Canosa.