Tras as pegadas da deriva

A separación e choques entre continentes deixou importantes restos na paisaxe galega

Cantís de Santo André
Cantís de Santo André
É bem sabido que os continentes chocan e sepáranse como resultado da súa deriva sobre o manto terráqueo. E eses movementos deixaron rastros que aínda son amplamente visibles no noso país e que, nalgúns casos, mesmo constitúen algúns dos elementos paisaxísticos máis salientables de Galicia. O recente anuncio de que se vai declarar a sinclinal do Courel, resultado encontro entre os antigos continentes de Gondwana e Laurrusia, pon de relevo a falta de protección destes bens xeolóxicos. Achegámoste un mapa desas pegadas.

En Galicia quedan restos de dous grandes movementos continentais. Por unha banda, poden atoparse na nosa paisaxe restos do antigo supercontinente de Panxea, que agrupaba todas as masas de terra desde hai 542 millóns e que se foi framentando hai 200 millóns de anos. Pola outra, existen restos da colisión posterior entre os continentes de Gondwana e Laurrusia (antes coñecido como Laurasia), que se produciu hai 350 millóns de anos e como resultado do cal emerxeu o que hoxe é Galicia. Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, guíanos por estas paraxes.

Pegadas da ruptura:

Os cantís de Santo André
O cantil que se prolonga pola costa de Cabo Ortegal, desde os Aguillóns ata Cedeira e Ortigueira “é un cantil non mariño”, que marca o punto polo rachou Panxea hai 200 millóns de anos, segundo explica Juan Ramón Vidal Romaní. A cicatriz posúe unha grande relevancia a nivel internacional e ten a súa equivalencia en lugares afastados como a India ou Brasil.

A paisaxe de Panxea
Diseminados por todo o país existe unha serie de espazos que reflicten o relevo orixinario de Panxea antes de se esgazar. Trátase de chairas distribuídas por todo o país entre as que destacan zonas ben coñecidas como A Terra Chá, a penichaira próxima a Santa Comba ou a parte superior da Serra do Barbanza.

As Rías
A ruptura de Panxea foi tamén causa da formación do que quizais sexa o máis destacado elemento da paisaxe galega: As rías. Canda ás nosas, tamén as portuguesas teñen a súa orixe neste movemento continental.


Pegadas do choque

A sinclinal do Courel
Este pregamento sinclinal destaca como primeiro elemento que emerxeu do fondo do mar do que hoxe é Galicia canso se atoparon os continente de Gondwana, ao sur e Laurrusia ao norte. A particularidade desta formación fixo que a Consellería do Medio Rural anunciase recentemente a súa vindeira declaración como Monumento Natural.

O pico Sacro
“Se o Courel é a pegada do choque na superficie terrestre, o dique de cuarzo do que fai parte o Pico Sacro corresponde á mesma colisión pero a uns vinte quilómetros de profundidade”, por baixo dos sedimentos que se ergueron dando lugar ao Courel, explica Vidal Romaní. De feito, o Pico marca unha fronteira do encontro entre continentes. “Ao sur do Pico Sacro e da liña que se forma cara ao Ulla e no outro sentido, estamos en Gondwana, e ao norte estaríamos en Laurrusia”, exemplifica este xeólogo.

Os afloramentos graníticos
O monte Pindo, ou os penedos de Traba na Costa da Morte, a área de Mondoñedo ou o monte Castelo no norte de Lugo, e en xeral todos os afloramentos de granito que existen no noso país “sobre todo os que teñen formas redondeadas”, segundo explica este xeólogo son resultado do encontro entre estes dous continentes. “Os máis rechamantes son os que se atopan onda o mar porque a erosión fixo que ficasen limpos, pero hai moitos”.

Protección necesaria
Para Vidal Romaní, son moitos os espazos de Galicia que deberían contar cunha protección semellante ao pregamento do Courel pola súa importancia. “Ultimamente está a se falar moito do Monte Pindo, e con razón, pero todos os macizos graníticos deberían ter figuras deste tipo. O monte Louro, por exemplo, ou a serra do Galiñeiro, que tamén ten morfoloxía granítica e que, ao igual que estes montes, ten covas que serviron de refuxio a poboacións costeiras na Prehistoria. O que non me explico é como hai tantas dúbidas para protexer estes espazos, porque son sitios que sería sinxelo de conservar, xa que non hai poboación nin se empregan para nada, non sendo que se queiran facer canteiras”, conclúe.

Gráfico: Continentes e Fracturas na xeoloxía de Galicia

Gráfico: Continentes e Fracturas na xeoloxía de Galicia

Descarga o infográfico.