
Un web con información biográfica, artigos, fotografías, textos sobre o autor e, en breve, vídeos dun primeiro encontro sobre a súa figura e un audio coa súa propia voz. Esta é a aposta que está a realizar parte da familia de Alberto Vilanova para recuperar e dar a coñecer o seu legado.
Segundo explica Nate Borrajo, unha das responsables do web dedicada á memoria de Vilanova, apunta que malia a que os seus fondos están na biblioteca da Deputación de Ourense, é practicamente descoñecido na cidade. Ten unha rúa no Carballiño pero porque o alcalde coñeceu a súa figura durante unha viaxe a Arxentina. De feito, na actualidade é practicamente imposible conseguir algunha das obras deste autor. Está todo sen reeditar. Gustaríanos que se puidese facer, aínda que fose en formato dixital, unha nova edición de Los gallegos en argentina, cun índice onomástico. Ou a súa Vida y obra de Manuel Curros Enríquez que é unha obra impresionante, lembra Borrajo.
Entre os proxectos de cara ao futuro, os responsables desta iniciativa queren impulsar que se lle dedique unha rúa a Vilanova. Tamén se baralla a posibilidade de organizar unha xuntanza dos antigos alumnos do historiador, e a medio prazo estamos a contactar coa Universidade de Bahía Blanca, onde deixou unha grande achega de libros e de material. Gustaríanos que a Universidade de Vigo se implicase neste proxecto e buscar algún tipo de colaboración. Polo de agora, Jesús de Juana, catedrático de Historia Contemporánea nesta entidade sinalou o seu interese en promover a investigación de Vilanova. Aínda non conseguimos recuperar os textos cos que gañou os Premios Nacionais, pero hai moitísimo material del, logo de dez anos da súa morte, a bibliotecaria que cataloga o seu legado segue a atopar recortes e cousas novas sobre todo tipo de temas. Gardábao todo, e pensamos que poden aparecer aínda moitas máis cousas. De certo, a figura de Vilanova ten moitas posibilidades de comezar a abandonar o esquecemento con propostas como estas.